Especialistas de máis de trinta países danse cita en Lugo para estudar técnicas de teledetección que melloren a xestión forestal
Baixo o epígrafe ‘Operational tools in forestry using remote sensing techniques’ persoal investigador, empresas e organismos estatais de máis de 30 países presentarán en Lugo no congreso ForestSAT 2010 técnicas e métodos de teledetección aplicados á xestión forestal. O congreso inaugurarase este martes, día 7, ás 9:00 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria nun acto no que interveñen o reitor da USC, Juan Casares Long; o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez Casado; o alcalde da cidade, José López Orozco; o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto; e o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro. Participan tamén na mesa presidencial os profesores David Miranda e Juan Suárez, organizadores do evento. Logo da apertura, e tras unha serie de sesións paralelas, terá lugar ás 13:00 horas o relatorio de Pedro Duque, director xeral de Deimos Imaging. Máis de cen especialistas Á cita, organizada polo Laboratorio do Territorio da USC –integrado por docentes e persoal investigador de diversas áreas de coñecemento da USC- e o Forest Research, acudirán máis de cen especialistas, entre os que se atopan científicos de recoñecido prestixio internacional, profesionais do sector forestal, persoal investigador dos principais centros de investigación nacionais e internacionais e estudantes universitarios de catro continentes. Trátase de dar a coñecer técnicas aplicadas ao uso de sensores remotos que melloren a xestión territorial en xeral e a forestal en particular tendo sempre en conta o uso múltiple do monte, desde o seu enfoque máis produtivista ata o seu papel máis social, sen perder de vista a súa importancia como fonte de biodiversidade e a súa función no secuestro de CO 2. O encontro internacional, a desenvolver ata o 10 de setembro, será tamén unha oportunidade para que tanto os usuarios como os que desenvolven estas tecnoloxías acheguen as súas opinións acerca de futuras melloras. Neste sentido, contémplase o desenvolvemento dunha mesa redonda orientada ás empresas do sector e facilítase a presenza dos organismos máis relacionados a través de stands. Traballos novidosos Presentaranse neste evento preto de cento cincuenta traballos de contrastada calidade realizados por 414 autores distintos, que mediante o emprego de sensores remotos e outras novas tecnoloxías permitirán mellorar a devandita xestión desde diferentes orientacións. Así, trataranse cuestións relacionadas co inventario forestal e a estimación de biomasa; riscos naturais e sanidade forestal; fusión de datos e integración; elaboración de cartografía e Infraestruturas de Datos Espaciais (IDEs); representación e captura de variables 3D; e redución de Emisións provocadas por Deforestación e Degradación forestal (REDD). No ámbito destas temáticas confirmaron xa a súa participación en calidade de relatores convidados expertos de recoñecido prestixio como Ron Eastman (Idrisi), Ross Nelson (NASA) e Manuel Gallego (SITGA).