Politólogas de toda España reflexionarán sobre a perspectiva de xénero na formación e investigación da Ciencia Política

A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais acollerá o vindeiro venres 24 a xornada ‘A introdución da perspectiva de xénero nos estudos de Ciencia Política’ coordinada polo grupo de investigación Muller e Política e financiada pola Secretaría Xeral da Igualdade e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC. A sesión, dirixida a toda a comunidade universitaria, reunirá a destacadas politólogas de toda España que a través de diferentes mesas redondas e da presentación de materiais audiovisuais reflexionarán sobre as estratexias para a revisión dos contidos docentes dende a perspectiva de xénero así como o estado da presenza das mulleres na formación e investigación da Ciencia Política. Esta xornada forma parte dun proxecto pioneiro en materia de innovación docente no ámbito da Ciencia Política. O grupo de traballo parte da constatación de que os plans de estudo asociados á titulación non están adaptados á normativa existente en materia de inclusión da perspectiva de xénero no Espazo Europeo de Investigación. Como consecuencia, formula a necesidade de xerar novos materiais didácticos e estratexias formativas que visibilicen a achega dos estudos de xénero na Ciencia Política.
As persoas interesadas en asistir e recibir un certificado poden apuntarse antes do comezo da xornada no propio Salón de Graos onde terá lugar.