Comeza a 5ª Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información
Entre os días 16 e 19 deste mes Compostela será a sede da 5ª Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información ( CISTI 2010 ), un evento técnico-científico no que anualmente se discuten e dan a coñecer as innovacións e experiencias no campo dos sistemas e tecnoloxías da información e as súas aplicacións. A conferencia, que se desenvolve enteiramente no Hotel Congreso, comeza este mércores 16 pola tarde cun Simposio Doutoral no que uns 30 investigadores presentarán e discutirán cun tribunal internacional os avances e logros das súas teses de doutoramento. Este encontro supón unha extraordinaria oportunidade para que o alumnado graduado poda, dun modo informal, presentar o seu traballo, discutilo e recoller un conxunto de opinións de especialistas. A conferencia A conferencia propiamente dita iniciarase o xoves 17 ás 9:30 horas cunha serie de comunicacións simultáneas que continuarán ata o sábado 19. A inauguración oficial sería o mesmo xoves ás 15:30 horas coa asistencia do reitor Senén Barro; o presidente da Comisión Organizadora do CISTI2010, Carlos Ferrás; e o profesor da USC Manuel Lama, que pronunciará a charla ‘Geobuddies: Camiño de Santiago 2.0’. Trátase dun foro de debate especializado que ten por obxecto promover a investigación interdisciplinar nos campos da Tecnoloxía, da Sociedade, da Economía e do Territorio, e a interrelación entre todos eles. Deste xeito, a CISTI é unha oportunidade para establecer redes de networking entre empresas e grupos de investigación universitarios, así como para coñecer os avances e innovacións presentes en proxectos de investigación en curso, en teses de doutoramento, de master, etc e nos sistemas de información aplicados no ámbito empresarial, da administración ou da universidade. Nesta edición presentaranse 270 comunicacións procedentes de diversas universidades e empresas de España, Portugal e Latinoamérica, todas elas seleccionadas entre 400 candidaturas a través dun sistema de tripla avaliación blindada. A USC organiza A CISTI 2010 está organizada polo Gist. Idega da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías de Información, sendo socios a Universidade Fernando Pessoa, a de Vigo, o Instituto Politécnico de Cávado e Ave, a Universidade de Estremadura, a Politécnica de Madrid, a Trás-os-Montes e Alto Douro, a Facultade de Enxeñaría da Universidade de Oporto, o ISEGI da Universidade Nova de Lisboa e a Universidade Tecnolóxica Nacional de Arxentina.