Pasar al contenido principal

O profesor Juan Casares tomará posesión do seu cargo como reitor da USC

O titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presidirá este venres 25 o acto de toma de posesión do profesor Juan Casares como reitor da Universidade de Santiago de Compostela. A sesión comezará ás 12:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. A xornada será retransmitida en directo por internet a través da canle USC-TV (http://tv.usc.es/directo), podendo acceder igualmente a través da páxina web da USC (http://www.usc.es). Na mesa presidencial estarán presentes os reitores das universidades de Vigo e A Coruña, Salustiano Mato e José Mª Barja, respectivamente; o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez; e o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga. Asisten ademais ao acto a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o delegado do Goberno, Antón Louro; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e os conselleiros de Sanidade e de Medio Ambiente, Pilar Farjas e Agustín Hernández. Ao discurso do reitor saínte, Senén Barro, seguiralle a intervención de Isabel García-Rodeja que, en calidade de secretaría xeral, lerá o cese do actual equipo reitoral ao tempo que dará lectura ao nomeamento do profesor Casares Long como novo reitor da USC.

Juan Casares, logo de prestar xuramento do cargo e de recibir de mans de Senén Barro a Medalla de Reitor e o bastón de mando, pronunciará o seu primeiro discurso como responsable da institución compostelá. Esta intervención dará paso á toma de posesión dos novos integrantes do equipo reitoral da USC, que deberán xurar ou prometer o cargo. A sesión rematará co discurso que pronunciará o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.06.2010.