A USC presentou en CISTI 2010 un novidoso sistema de xestión de información turística centrado no Camiño de Santiago

A 5ª Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información ( CISTI 2010 ) que se celebra en Santiago organizada pola USC comezou este xoves coa presentación, a cargo do profesor Manuel Lama, do Grupo de Investigación de Sistemas Intelixentes da USC, dun novidoso sistema de xestión de información turística centrado no Camiño de Santiago. O obxectivo deste proxecto consiste no desenvolvemento dunha infraestrutura tecnolóxica que permite aos peregrinos a consulta de información a través de dispositivos móbiles. Para isto, explicou, estanse creando comunidades emerxentes de usuarios do Camiño na que os seus membros, a través dos seus dispositivos móbiles (teléfonos, PDAs, etc.), introducen e consultan información relevante sobre diferentes aspectos do Camiño de Santiago: manexan información xeográfica que poden anotar para almacenala na comunidade virtual, de modo que os seus membros poidan facer uso dela. Ademais da comunidade virtual, desenvolve toda unha infraestrutura de servizos web que permite aos usuarios acceder a toda a información dispoñible na comunidade virtual en calquera momento e en calquera lugar. Por outra parte, no acto de apertura o vicerreitor da USC Máximo Plo presentou o novo centro de investigación TIC CITIUS e o seu proceso de desenvolvemento no marco do Campus de Excelencia Internacional Campus Vida da USC. Aproveitou ademais para convidar aos profesores, investigadores e empresas asistentes a CISTI2010 a establecer redes de traballo coa USC e cos seus investigadores do ámbito das TIC. Tras a sesión de apertura decorreron os paneis de discusión de relatorios centrados nos ámbitos dos sistemas de soporte para a toma de decisións, na interacción home-computación, na arquitectura e aplicacións de software, nos sistemas de avaliación de webs e nas prácticas de comercio electrónico. O futuro do software No sesión que decorre este venres no Hotel Congreso, o presidente da Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información AISTI preside unha sesión especial na que o catedrático Gonzalo Cuevas, da Universidade Politécnica de Madrid, reflexionará sobre o futuro do software e o seu impacto nas organizacións e nos profesionais. A CISTI A CISTI é un foro de debate especializado que ten por obxecto promover a investigación interdisciplinar nos campos da Tecnoloxía, da Sociedade, da Economía e do Territorio, e a interrelación entre todos eles. Deste xeito, é unha oportunidade para establecer redes de networking entre empresas e grupos de investigación universitarios, así como para coñecer os avances e innovacións presentes en proxectos de investigación en curso, en teses de doutoramento, de master, etc e nos sistemas de información aplicados no ámbito empresarial, da administración ou da universidade. Nesta edición preséntanse 270 comunicacións procedentes de diversas universidades e empresas de España, Portugal e Latinoamérica, todas elas seleccionadas entre 400 candidaturas a través dun sistema de tripla avaliación blindada. A USC organiza A CISTI 2010 está organizada polo Gist. Idega da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías de Información, sendo socios a Universidade Fernando Pessoa, a de Vigo, o Instituto Politécnico de Cávado e Ave, a Universidade de Estremadura, a Politécnica de Madrid, a Trás-os-Montes e Alto Douro, a Facultade de Enxeñaría da Universidade de Oporto, o ISEGI da Universidade Nova de Lisboa e a Universidade Tecnolóxica Nacional de Arxentina.