Profesionais e especialistas universitarios reflexionan sobre a protección xurídica do persoal sanitario e dos pacientes
Expertos universitarios e representantes da administración de Xustiza e da sanidade pública son os protagonistas do curso ‘Dereito e saúde: a protección xurídica do persoal sanitario e dos pacientes’, incluído na programa da Universidade de Verán 2010. O encontro vaise celebrar entre o 19 e o 21 de xullo no Colexio de Avogados de Santiago e na Escola Galega de Administración Pública baixo a dirección do profesor Lotario Vilaboy Lois. Na xornada do día 19, o programa tratará entre outras cuestións a proba biolóxica nos procesos civil e penal para a determinación da paternidade ou a identificación de sospeitosos e as obxeccións de conciencia no ámbito sanitario, coa participación de Ángel Carracedo, Roberto Soto, Gumersindo Guinarte ou Luis Alfonso Casais, entre outros. O desenvolvemento de simulacións da práctica de probas periciais biolóxicas é o tema co que arrancará a segunda xornada do curso, nunha sesión na que tamén se prestará atención ao aseguramento da asistencia sanitaria, o acceso á historia clínica dende un enfoque multidisciplinario e dereitos dos pacientes e usuarios dos sistema de saúde. Na derradeira xornada, os participantes terán unha nova oportunidade de tratar experiencias prácticas con simulacións de xuízos para esixir responsabilidade civil e penal ao persoal sanitario. Outras cuestións presentes nesta derradeira xornada serán os delitos de lesións ao feto e relativos ás manipulacións xenéticas, a responsabilidade civil e penal do persoal sanitario e das administracións públicas no ámbito sanitario.
O curso conta co financiamento dos Colexios de Avogados e de Procuradores de Santiago, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Colexio Oficial de Médicos da Coruña. Ademais, a EGAP recoñece este curso a efectos da administración autonómica.