Pasar al contenido principal

O proxecto Campus de Lugo 2015 avanza

Comezan as expropiacións das parcelas destinadas a centros investigación e emprendemento e a usos deportivos

O reitor da USC, Senén Barro, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentarán este mércores 9 ás 11:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o comezo das expropiacións previstas para este ano dentro do proxecto Campus 2015.

Trátase dun conxunto de intervencións, realizadas e financiadas pola Deputación Provincial, que completarán o abano de servizos do campus, establecendo instalacións deportivas propias e, sobre todo, reforzando os espazos e medios para a investigación, a transferencia e o emprendemento.

No proxecto Campus de Lugo 2015 conflúe a implicación da USC, a Deputación e o Concello de Lugo, unha colaboración institucional que redundará no beneficio do campus tanto no relativo á docencia como á investigación, e que representa unha aposta polo desenvolvemento socioeconómico da cidade, da provincia e do conxunto do país, sobre todo no sector primario, tan necesitado da inxección de coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico.

Insignia de ouro da USC
Ao remate desta presentación, Senén Barro fará entrega da insignia de ouro da USC ao presidente provincial “pola inestimable colaboración institucional mantida dende hai moitos anos entre a USC e a Deputación” que permitiu importantes avances e melloras a prol do campus lugués. Esta colaboración materialízase coa posta a disposición da universidade destes terreos ou coa cesión da finca da Casa da Granxa onde se sitúa a nova sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) que se inaugura o mesmo mércores.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.06.2010.