Pasar al contenido principal

A Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo conta cun novo tractor destinado a formación práctica

De esquerda á dereita,  Pedro García Herradón, Juan Casares Long, José Ramón Gómez Besteiro, Jose María Arias e Javier Bueno
De esquerda á dereita, Pedro García Herradón, Juan Casares Long, José Ramón Gómez Besteiro, Jose María Arias e Javier Bueno
O reitor da USC recolleu as chaves do vehículo de mans do presidente da Deputación, organismo que co financia esta dotación

Os alumnos da Escola Politécnica Superior contan xa co novo tractor para a realización de actividades na finca de prácticas. As chaves do vehículo foron entregadas este mércores ao reitor da USC, Juan Casares Long, por parte do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, nun acto celebrado nas instalacións do centro no Campus de Lugo. Javier Bueno, director da Escola, explicou as características desta nova dotación para a formación dos alumnos co financiada ao 50% polo organismo provincial. O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, estivo tamén presente durante a entrega. Características do vehículo Este tractor substitúe ao que viña utilizándose para as labores nas fincas de prácticas do centro e que foi necesario cambiar debido principalmente á súa obsolescencia tecnolóxica ao ter xa 23 anos de antigüidade. O novo vehículo é un modelo tipo froiteiro, cun ancho total reducido que pode ser regulado entre 1,30 e 1,50 metros. A potencia do seu motor é de 100 CV e as súas prestacións cobren as necesidades dos traballos a realizar nos cultivos hortícolas e nas plantacións froiteiras e de viñedos nas que os alumnos da Politécnica fan as prácticas. Dende o punto de vista técnico o tractor permitirá utilizar as tecnoloxías máis innovadoras nos traballos docentes e investigadores que se realizan nas fincas de prácticas, ao poder enganchar ou accionar os equipos máis actuais existentes no mercado. Tamén vai supoñer unha importante mellora nas condicións do posto de traballo para o persoal de finca de prácticas, ao cumprir coas máis recentes normas de seguridade e comodidade. Colaboración entre Deputación e USC Esta achega aos alumnos do Campus lucense enmárcase na aposta da Deputación e a USC por “facer máis Universidade” na provincia, segundo declaran dende o organismo provincial. Neste senso, ambas administracións manteñen unha estreita relación dende hai décadas con diversas colaboracións con centros do campus lugués como a Facultade de Veterinaria dende a súa implantación, o primeiro centro educativo desta materia de todo o Noroeste e que ten acadado un gran prestixio no Estado. Paralelamente, a USC e a Deputación tamén traballaron cóbado con cóbado na construción da Estación Biolóxica do Courel, un centro da USC onde a Deputación situou unha Aula da Natureza. Co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico e favorecer a creación de novos postos de emprego para titulados universitarios, o organismo provincial cedeu unha parcela para a implantación dunha empresa no eido da biomedicina. Ademais, ambas institucións asinaron un convenio para a urbanización do edificio A Granxa onde se situará a futura sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) Campus 2015 Na actualidade, Deputación e USC, xunto ao Concello de Lugo, traballan no Campus 2015, un proxecto que ampliará e mellorará a oferta docente lucense mediante a construción de novos edificios e servizos dedicados á investigación. O organismo provincial achega a esta iniciativa 7 millóns de euros, destinados á expropiación de terreos onde se creará un singular centro de investigación, un viveiro de empresas, a nova Escola de Enxeñería Civil e un polideportivo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.10.2010.