Pasar al contenido principal

Xornada musical de corda e jazz dentro na Semana de Benvida de Lugo Cultural

Actuación de danza teatro Experimentadanza diante do E=MC2 en Lugo
Actuación de danza teatro Experimentadanza diante do E=MC2 en Lugo

As actividades da Semana de Benvida de Lugo Cultural continuarán este mércores 27 de outubro coa banda sonora do grupo Ensamble de cordas en distintos puntos do ámbito universitario. Actuarán na Facultade de Ciencias ás 10.00 horas, unha hora máis tarde no Ibader e arredor das 12.30 horas no edificio Cactus, para realizar un concerto final ás 14.00 horas no E=MC 2. A xornada pecharase cunha conferencia arredor da Historia do Jazz, que será pronunciada ás 20:30 horas no Salón E=MC 2 por Luís Gustavo Cuntín. Na súa intervención en Lugo falará, dando continuidade a unha charla que pronunciou nestas mesmas xornadas o pasado ano, das características básicas do jazz e dos seus principais estilos, centrándose agora no período que vai dos anos 40 aos 60 do século pasado. Trátase de ofrecer unhas referencias mínimas de coñecemento que esperten o interese dos asistentes para descubrir esta manifestación cultural contemporánea. Luís Gustavo Cuntín Luís Gustavo Cuntín Docampo naceu en Santiago hai 50 anos, aínda que as súas raíces están en Redondela e os seus afectos repártense entre Compostela, Redondela e Tui. Licenciado en Xeografía e Historia pola USC, dedícase profesionalmente á Socioloxía, exercendo actualmente como director técnico dun gabinete de investigación, labor que compatibilizou co de profesor asociado na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais desta Universidade. Afeccionado ao jazz desde a súa adolescencia, ten participado en diversas iniciativas culturais: charlas, audicións, colaboracións en medios de comunicación, redacción de comentarios para edicións discográficas e asesoramento a institucións públicas e privadas para a divulgación deste xénero musical. Neste sentido é destacable a emisión radiofónica semanal Tempo de Jazz, que dirixe e presenta de xeito ininterrompido desde hai xa máis de nove anos na emisora de titularidade municipal Radio Redondela, na que participan de cando en vez algunhas das principais figuras do jazz galego. Cuntín traballa agora na inminente presentación dun proxecto artístico que integra música de blues, jazz e poesía: Galiza Cajun. Lugo Cultural O convenio Lugo Cultural está formado pola USC, Concello de Lugo, Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Promoción e Difusión de Cultura da Xunta e Fundación Caixa Galicia e está xestionado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.10.2010.