Pasar al contenido principal

O director xeral do programa 'Biotecnoloxía, agricultura e alimentación' da Comisión Europea intervén no máster en Desenvolvemento Económico e Innovación

O director xeral do Programa ‘Biotecnoloxía, Agricultura e Alimentación’ da Comisión Europea, Christian Patermann, participa este mércores, día 2 de xuño, no programa de actividades académicas do Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación. A sesión comezará ás 16:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
O doutor Paterman presentará unha intervención na que se referirá á relación entre ciencia, investigación e desenvolvemento tecnolóxico en Alemaña, e como nese país se organiza e xestiona o novo coñecemento e a innovación.
Con anterioridade, Chritian Paterman ten ocupado a dirección xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, participando na implementación do 4º, 5º e 6º Programa Marco da UE neste campo, e cargos públicos en diferentes ministerios alemáns.
Máster en DesenvolvementoO Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación, que organiza o grupo ICEDE da USC baixo a dirección do catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence, ten como obxectivo contribuír ao fortalecemento das capacidades do sistema de innovación mediante a formación de especialistas na xestión da investigación e da innovación. Trátase de profesionalizar e aumentar a capacidade de organización e xestión eficiente dos recursos dedicados á innovación e a creación de coñecemento.
Ademais, o programa docente permite a formación de profesionais no ámbito do desenvolvemento económico, de aplicabilidade local e rexional, que sexan quen de deseñar e xestionar proxectos de desenvolvemento a nivel empresarial, rexional e local, e aplicar instrumentos de políticas sectoriais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.06.2010.