Pasar al contenido principal

A Orquestra de Cámara Galega homenaxeará este xoves en Lugo ao compositor Rogelio Groba

A Orquestra de Cámara Galega ofrecerá este xoves 10 ás 20:30 horas no Círculo das Artes de Lugo o concerto ‘Oitenta anos con Groba’ para homenaxear a este compositor que celebra o seu oitenta aniversario.

Este recital, que se enmarca no ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ organizado ao amparo do convenio Lugo Cultural, incluirá pezas de autores clásicos e dúas obras do propio Rogelio Groba Groba, pioneiro en potenciar a música de cámara en Galicia.

Rogelio Groba Groba, nado na localidade pontevedresa de Guláns no ano 1930, é o máis prolífico dos compositores galegos. Ata a actualidade compuxo máis de 560 obras de tódolos xéneros, como sinfonías, música para ballets, óperas como María Pita, la fuerza de la libertad ou Divinas Palabras, concertos para varios instrumentos e cancións. As súas creacións foron gravadas por formacións como a Sinfónica de Londres, que realizou un rexistro do seu Concerto fauno para violonchelo.

Ao longo da súa traxectoria profesional, Groba foi director da Banda-Orquestra Municipal de A Coruña, fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e a Orquestra de Cámara Municipal, e impulsou o nacemento da Orquestra de Cámara Galega.

Dende o ano 1990 dedícase exclusivamente á creatividade musical, eido no que foi recoñecido con distincións como o Premio da Crítica Galega en 1979, o Premio Xunta de Galicia da Cultural en 1992, a Medalla Castelao en 1995 ou o nomeamento como ‘Galego do Ano’ en 2002. É membro do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, da Real Academia de Belas Artes de Galicia e da Real Academia de San Fernando, de Madrid.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.06.2010.