A Oficina de Software Libre da USC forma en Ubuntu-USC ao persoal informático da Área TIC
A Oficina de Software Libre da USC vai impartir un ciclo de cursos sobre a administración da Ubuntu-USC aos técnicos informáticos da Área TIC. Os cursos versarán principalmente sobre a xestión e resolución de incidencias menores e usuais coa finalidade de establecer unha primeira estadía no soporte técnico corporativo da USC na distribución de GNU/Linux adaptada para a universidade, Ubuntu-USC.
Ao igual que os anteriores cursos levados a cabo pola Oficina este ano, este ciclo inscríbese dentro dos plans de formación que a USC ofrece aos seus membros, pero esta vez a través do servizo de formación ao PAS. O curso está organizado en estreita colaboración pola Area TIC e a Oficina, que elaboraron un programa que permite formar aos técnicos para o despregue, xestión e mantemento das instalacións de Software Libre baseadas na Ubuntu-USC.
Ao longo das seguintes semanas impartiranse dous cursos exclusivos para os técnicos informáticos da Area TIC dirixidos a adquirir os coñecementos necesarios para xestionar a que xa é a distribución de GNU/Linux elixida para implantar nas aulas, sempre e cando os profesores que imparten docencia nesa aula soliciten un sistema operante baseado en Linux. Estase a planificar tamén un curso para os técnicos do Campus de Lugo que se prevé levar a cabo durante o mes de setembro.
Os cursos serán impartidos por Fran Diéguez, técnico da Oficina de Software Libre, e Óscar Casal, colaborador da Oficina e investigador no DEC.