Pasar al contenido principal

O Proxecto Interuniversitario ‘Nomes e Voces’ estrea o seu novo portal web nomesevoces.net

O Proxecto Interuniversitario ‘Nomes e Voces’ estrea este xoves o seu novo portal web nomesevoces.net, dedicado á difusión dos resultados da investigación que sobre a represión franquista está a desenvolver desde o ano 2006.

O novo portal ofrece á comunidade científica e ao público interesado unha ferramenta de pescuda, visibilidade e interpretación histórica sobre un tema, o da represión franquista, que, pola información aportada, a análise á que están sometidos os datos e o feedback cos potenciais usuarios convértese en referente galego e estatal entre outras iniciativas dedicadas a este tema.

O Proxecto Interuniversitario “Nomes e Voces” está dirixido por Lourenzo Fernández Prieto e integrado por Emilio Grandío, Xose Manoel Núñez, Dionisio Pereira, Julio Prada, María Jesús Souto, Andrés Domínguez, Gustavo Hervella, Xurxo Pantaleón, Antonio Somoza e Chus Martínez como responsable da páxina.

A web está ideada como un espazo electrónico de pescuda no que ademais de darse conta da actividade investigadora, de realizar exposicións dixitais e de ofrecer un repertorio bibliográfico, se achegan as bases de datos de imaxes, voces e nomes. Así, pódense consultar ás vítimas que sufriron a represión franquista en Galicia entre 1936 e 1939 - 14.704 nomes- a través dun resumo do seu proceso represivo xunto a unha imaxe e á súa voz ou a dun familiar onde nos relata a experiencia vital desa persoa.

Na actualidade, os fondos do proxecto constan de máis de 15.000 imaxes dixitalizadas, e de 475 entrevistas. Con elas estanse a relacionar imaxes/nomes, fragmentos de audio/nomes e vítimas de fonte oral/nomes. Así mesmo, e debido á intensa actividade científica que o grupo desenvolve tamén se poñen a disposición do usuario os textos e as conclusións que se elaboran a partir da asistencia de congresos, reunións científicas, moitos destes traballos son inéditos e a súa publicación moi difícil, o que incrementa o seu valor intrínseco.

Un apartado importante é a presenza dunha bibliografía específica sobre a represión en Galicia que reúne os fondos públicos das bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela e que nomesevoces.net ofrece cunha sucinta descrición bibliográfica que permite todo tipo de busca

A aplicación práctica da web concrétase en dúas liñas a desenvolver. A primeira é a que se establece entre o grupo de investigación e a sociedade civil e a segunda entre a grupo de investigación e os científicos sociais que están a preparar as súas teses e traballos de pescuda. Esta dobre relación establécese a través da oferta de datos a través das bases e, tamén, da posibilidade de poder acceder a informes específicos realizados con rigor máximo a partires dos traballos levados a cabo polos investigadores.

Ligazóns relacionados:

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.06.2010.