Pasar al contenido principal

Expertos abordan en Lugo a cuestión da Prevención de Riscos Laborais no primeiro Congreso sobre esta materia impulsado pola Facultade de Ciencias

Expertos abordan en Lugo a cuestión da Prevención de Riscos Laborais no primeiro Congreso sobre esta materia impulsado pola Facultade de Ciencias
Expertos abordan en Lugo a cuestión da Prevención de Riscos Laborais no primeiro Congreso sobre esta materia impulsado pola Facultade de Ciencias

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo reúne dende este mércores 20 e ata o día 22 arredor de 150 profesionais relacionados co mundo da prevención de riscos chegados dende diversos puntos da xeografía española no que é o primeiro Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais organizado por este centro. O acto de apertura do encontro contou coa presenza da conselleira de Traballo, Beatriz Mato Otero, e o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, que exerceu de anfitrión e deu a benvida a todos os asistentes. No acto de apertura interveu o decano da Facultade de Ciencias e presidente do comité organizador do Congreso, Francisco Fraga López, quen destacou, sobre todo, o esforzo feito dende Ciencias para traballar e formar en materia de prevención. Tamén asistiron á inauguración o alcalde de Lugo, José López Orozco e o delegado de Infraestruturas da Deputación de Lugo, Manuel Martínez. Dende o ámbito da Prevención contouse na mesa inaugural co presidente da Sociedade Española de Medicina e Seguridade no Traballo, Francisco Fornes Úbeda, e o presidente da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, Carlos Quintas Fernández. García Herradón destacou a importancia da colaboración entre entidades para avanzar no ámbito da prevención e, neste senso, fixo fincapé no traballo da USC a nivel formativo, destacando a implantación de ensinanzas regradas en riscos laborais dende o Campus de Lugo. Ao mesmo tempo, o vicerreitor de Coordinación fixo referencia á necesidade de avanzar no campo da prevención en relación ao sector agropecuario, un área moi vinculada á formación que imparte a Universidade precisamente en Lugo. Conferencias O primeira dos relatorios do encontro foi pronunciada pola conselleira Beatriz Mato, que abordou temas como a creación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral -ISSGA- ou a responsabilidade das empresas como axentes sociais e económicos de cara ao medio ambiente e á prevención de riscos laborais. As actividades do Congreso continuarán durante toda a xornada, co desenvolvemento de distintas conferencias e mesas de debate conducidas por expertos e responsables de diversas entidades públicas e privadas arredor de aspectos coma os riscos psicosociais, a hixiene ou cuestións normativas. O congreso prolongarase deica o venres, e rematará cun obradoiro dirixido aos participantes e centrado no xeito de tratar o estrés. Na xornada do xoves analizaranse temas como os riscos no sector agroforestal ou a toxicoloxía. A Facultade de Ciencias, tal e como sinala o seu decano, Francisco Fraga, pretende que este Congreso se converta no marco máis axeitado para debater con rigor científico, achegar posicións e compartir coñecementos sobre o mundo da prevención e a saúde medioambiental. Este congreso é o primeiro que se impulsa dende a Facultade de Ciencias, un centro que apostou firmemente pola prevención de riscos laborais dende os seus inicios cun máster propio de prevención, e posteriormente co primeiro Máster Oficial en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental do sistema universitario galego, que finalizará neste ano a súa terceira promoción. Francisco Fraga destacou que este encontro esta a servir para o coñecemento profundo da situación dentro do mundo da prevención e a saúde medioambiental. O presidente do comité organizador incidiu en que a prevención de riscos é unha materia que debería estar presente en tódolos sectores de actividade, un obxectivo para o que resta aínda moito camiño por andar. A Facultade de Ciencias conta coa estreita implicación da consellería de Traballo, a dirección xeral de Relacións Laborais e o ISGA para o desenvolvemento deste Congreso Internacional.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.10.2010.