Pasar al contenido principal

Especialistas en sociolingüística, diversidade lingüística e ensino de linguas, reúnense no simposio 'Linguas, culturas e escola'

Especialistas en sociolingüística, diversidade lingüística e ensino de linguas, así como profesionais e estudantes relacionados co ámbito educativo reuniranse este sábado 28 no simposio ‘Linguas, culturas e escola’ que o Grupo de Linguas da USC organiza co cofinanciamento da Vicerreitoría de Cultura, a Consellaría de Innovación e Industria e do Instituto Camoes.
No Salón de Actos da Facultade de Filoloxía, a primeira das intervencións previstas, ás 10:00 horas, corresponderalle á profesora da Universidade de Lisboa, Dulce Pereira que exporá as directrices xerais para a implementación dun modelo inclusivo das diversas linguas e culturas que están a convivir nas aulas portuguesas.
O profesor da Universidade de Vigo Anxo Lorenzo analizará deseguido algúns dos retos aos que se enfronta a implantación en Galicia dun modelo de educación plurilingüe. Centrarase na consideración, dende a perspectiva sociolingüística, das dificultades na concreción dos contidos da educación plurilingüe, e da súa posta en práctica, no marco glotopolítico da Galicia actual. A xornada matinal rematará cunha sesión de contacontos a cargo de Soledad Felloza.
Na sesión da tarde, dende as 16:00 horas, están previstas diversas comunicación convidadas, como as de Arturo Casas para falar sobre ‘Literatura comparada e pedagoxía intercultural: en torno da comparación de culturas na escola;Carolina Ramos acerca de ‘O xogo de rol e a comunicación oral; o relatorio de Carme Silva centrado na análise do manual Vencello. Lingua e cultura galegas para estudantes de fóra de Galicia (Barcelona, 2008); ou a reflexión da profesora Paula Outón para tratar as dificultades do ensino das correspondencias fonema- grafema e grafema-fonema nos escolares con dificultades de aprendizaxe específicas.
Pechará o Simposio a presentación dunha experiencia colaborativa entre os CEIP Raíña Fabiola, CEIP Vite e estudantes e docentes da USC sobre ‘O conto como recurso para a educación intercultural. Catro variacións sobre un mesmo tema’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.02.2009.