Pasar al contenido principal

Un documental recolle as últimas testemuñas vivas de quen coñeceu a Rodríguez Cadarso

A exposición estará aberta ata o 3 de abril
A exposición estará aberta ata o 3 de abril
Dentro da mostra en homenaxe ao reitor que permanecerá aberta en Veterinaria ata o 3 de abril

Unha serie documental realizada en 2008 sobre o que fora reitor da USC, Alejandro Rodríguez Cadarso, recolle entrevistas ás dúas únicas persoas vivas que coñeceron ao homenaxeado na exposición que desde este venres 27 se pode visitar na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. O único fillo vivo de Rodríguez Cadarso, José Cadarso, e Francisco Fernández del Riego son parte do contido en soporte audiovisual que pon fin aos diferentes espazos nos que se divide a mostra.
A exposición ‘Alejandro Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país’ está distribuída de xeito temático a través de diversos paneis que conforman salas sucesivas. A primeira delas céntrase no suceso da súa morte e a repercusión que tivo. Esta parte da mostra conta con imaxes do fotógrafo Ksado.
Outras salas son as dedicadas á súa xestión como anatómico, como reitor da Universidade ou como político. O material exposto nestes apartados, a maioría cedido pola familia, conta con obxectos persoais que pertenceron ao reitor, como o seu birrete ou as súas cualificacións académicas. Outro dos anexos da mostra destaca a súa vinculación con Portugal, que o levou a crear o Instituto de Estudos Portugueses.
Na exposición pódese admirar tamén unha maqueta do que foi un dos seus grandes proxectos, a planificación do Campus Sur, e do que aínda hoxe perdura a residencia universitaria homónima. O proxecto orixinal pretendía favorecer unha formación global dos estudantes, máis alá da preparación académica, con instalacións deportivas e de convivencia. Así, a maqueta é unha reprodución dos planos tal e como Rodríguez Cadarso concibía este espazo universitario que nunca chegou a completarse por mor da Guerra Civil, con edificios que nunca se chegaron a construír no Campus Sur de Santiago.
O material exposto permanecerá aberto aos visitantes ata o 3 de abril de 2009 e permitirá dar a coñecer a transcendental figura do que fora reitor da USC, Alejandro Rodríguez Cadarso, anatomista, docente activo e político, xa que a exposición fai un extenso percorrido por esta polifacética figura.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.02.2009.