Pasar al contenido principal

O outono comeza este martes

Xustamente ás 23:19 horas deste martes 22 o sol pasará polo punto Libra ou Equinoccio de Setembro, un dos dous puntos de corte da Eclíptica co Ecuador Celeste. Nese intre comezará o outono no noso hemisferio, o boreal, e a primavera no hemisferio austral.
O solpor producirase este martes exactamente polo Oeste mentres que no mencer do día 23 o Sol sairá polo punto Leste do horizonte, con igual duración o día e a noite nestas dúas xornadas, como sucede no Equinoccio de Marzo. Será a partir de aí cando as noites comecen a ser máis longas chegando aproximadamente na nosa latitude ás 15 horas en torno ao 21 de decembro, cando comece o inverno. Así pois, a duración da estación que agora comeza será de 89,85 días, sendo a terceira do ano despois do verán (93,65 días) e a primavera (92,75), explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo.
FenómenosEntre os fenómenos astronómico mais sobranceiros nesta época no ano Docobo destaca varias choivas de estrelas como as Dracónidas (co máximo o 8 de outubro), as Oriónidas (21 outubro), as Tauridas (4 novembro), as Leónidas (17 de novembro) e as Xemínidas (14 decembro).
Durante todo o outono, Venus verase no crepúsculo matutino, en tanto que Saturno poderá ser contemplado tamén antes da saída do Sol cara ao Leste despois da primeira semana de outubro. Dado que Mercurio tamén estará por esa parte do ceo durante boa parte de outubro, sobre todo a mediados de mes poderá observarse na mañanciña unha aliñación destes tres planetas. Ademais, Marte, cada vez con maior brillo, será visible case toda a noite, mentres que Xúpiter, que agora está case ao Sur ao anoitecer, acabará véndose só a primeiras horas da noite cara ao Suroeste.
O outono é ademais unha boa época para tentar observar a Vía Láctea dende lugares sen contaminación lumínica. “Pódese ver pasando polas constelacións do Cisne, Cefeo, Casiopea, Perseo e Auriga” , advirte o experto da USC.
Por último, o responsable do observatorio astronómico compostelán adianta que o troco ao horario de inverno se producirá o domingo 25 de outubro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.09.2009.