Pasar al contenido principal

Profesionais da Medicina actualizan en Santiago coñecementos sobre a gripe A

A Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG) celebra estes días, de novo na Facultade de Medicina de Santiago, o seu segundo Campus orientado especificamente a profesionais de Atención Primaria e aos estudantes que queiran coñecer máis de cerca a Medicina de Familia, unha especialidade que supón en España case o 40% dos profesionais do sistema sanitario.
Este Campus reflicte o espírito das tres Cátedras de Medicina de Familia que ten esta sociedade científica (nas universidades de Santiago, Zaragoza e Cádiz) e ofrece un amplísimo abanico de aprendizaxe en habilidades clínicas, desde saúde mental ata as patoloxías do aparato locomotor, pasando pola saúde respiratoria.
Paralelamente a este encontro, a SEMG promoveu, xunto á Fundación para a Formación da Organización Médica Colexial (FFOMC), a Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) e a Asociación Española de Pediatría (AEP), a celebración, tamén na Facultade de Medicina da USC, dunhas Xornadas de Actualización sobre a gripe A que reunirán a expertos de diferentes ámbitos que achegarán os últimos datos, tanto de Europa como do acaecido no Hemisferio Sur.
Para comentar estas xornadas e contido, así como ofrecer novos datos, organizan unha rolda de prensa para este sábado, 26 de setembro, ás 11:30 horas na sala de profesores da propia facultade. Participarán no encontro cos medios de comunicación o presidente da SEMG, Benjamín Abarca; o decano do centro, José María Fraga; o secretario xeral da Organización Médica Colegial (OMC), Serafín Romero; o presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias, Tomás Toranzo; o responsable da Área de Saúde Pública da SEMG, Fernando Pérez Escanilla; e o xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Xeral de Lugo, Carlos Quintas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.09.2009.