Inaugúrase en Muros un curso de verán sobre os controis de calidade no sector turístico
A Universidade de Santiago desenvolve o 29 e 30 de setembro en Muros o curso ‘Certificacións e calidade no turismo’, co obxectivo de promover a divulgación da cultura da calidade homologada nos servizos e empresas turísticas, tanto públicas como privadas. A inauguración será este martes 29 ás 9:15 na casa da Cultura da localidade coruñesa.
O seminario, dirixido por Xosé Manuel Santos Solla, pretende favorecer o desenvolvemento dun turismo de calidade baseado nunha xestión axeitada e integral dos seus recursos, infraestruturas e servizos. Tentarase capacitar aos profesionais para investigar, deseñar e executar proxectos de implantación e xestión de procesos de control da calidade no sector turístico cunha formación específica en problemas teóricos e prácticos.
Así, desenvolveranse habilidades para a participación creativa en equipos multidisciplinares de implantación e xestión de procesos de control da calidade no sector turístico, ao tempo que se elaborarán respostas prácticas aos conflitos xerados por estes procesos.