Pasar al contenido principal

Ciencias da Educación presentou cinco novas publicacións dos seus profesores e investigadores

A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago presentou este xoves cinco das últimas publicacións científicas obra dos seus docentes e investigadores. Ao acto, que se celebrou nas instalacións do centro no Campus Norte, asistiron o decano Lois Ferradás, e os autores das publicacións Anxo S. Porto Ucha, Inmaculada Mas, Mª Pilar Jiménez Aleixandre, Lourdes Montero e Lucía Iglesias Da Cunha.
Presentáronse Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo. Primeiras accións represivas e estudo por concellos no sur da provincia (1936-1942), Ponteareas, Alén Miño, de Anxo Porto Ucha; Integración Lingüística e Inmigración,de Teresa Díaz, Inmaculada Mas e Luz Zas; Argumentation in Science Education: Perspectives from classroom-based research, de María Pilar Jiménez Aleixandre; O valor do envoltorio. Un estudo da influencia das TIC nos centros educativos, de Lourdes Montero; e Estratexias de Educación Ambiental. Modelos, Experiencias e Indicadores para a Sostenibilidade Local, de Lucía Iglesias.
Argumentación nas Ciencias da EducaciónArgumentation in Science Education: Perspectives from classroom-based research é o título da obra da catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais María Pilar Jiménez Aleixandre. O libro, da prestixiosa editorial Springer, reúne por vez primeira estudos de vinte autores de Europa e USA sobre o traballo coa argumentación na clase de ciencias.
Pilar Jiménez Aleixandre, que recibiu en 1997 o Premio de Investigación Xunta de Galicia Ciencias Sociais, pertence aos consellos das principais revistas internacionais da área, ao Items Review Committee do estudo TIMMS e ao Consello Científico do INRP francés, entre outros. Baixo o nome de Marilar Aleixandre é autora de poesía e narrativa en galego.
Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismoInvestigar o proceso de depuración levado a cabo polo Franquismo na provincia de Pontevedra con motivo da incivil contenda de 1936 é o obxectivo da obra do profesor Anxo Porto Ucha, cunha importante liña investigadora sobre a historia da escola en Galicia. Na obra analízanse os dispositivos e as distintas fases e sancións do proceso, nun intento de interpretación cuantitativa e cualitativa.
Complementado co marco teórico-normativo e a análise global da depuración, ademais dos mortos, fusilados ou “paseados”, o libro reconstrúe novas historias de vidanunha parte do territorio a través dos testemuños persoais sobre os acontecementos sufridos polos “portadores da luz nas tebras da ignorancia”, como se recolle no limiar de Xosé Manuel Beiras.
Integración lingüística e inmigraciónAs profesoras Teresa Díaz, Inmaculada Mas e Luz Zas forman parte do ‘Grupo de Linguas’ da USC vinculado ao proxecto de investigación ‘Plurilingüismo e conciencia lingüística. Recursos educativos desenvolvemento da competencia Intercultural’.
Na súa obra Integración lingüística e inmigración reúnense unha serie de traballos dedicados á incidencia da inmigración no ensino e aprendizaxe de segundas linguas. Diferentes especialistas abordan cuestións como a situación en Galicia, tanto para o galego como para o castelán; unha revisión e claves do ensino de segundas linguas a inmigrantes; a variación do castelán como reflexión e de ensino; algúns aspectos sobre materiais e metodoloxías de ensino así como os programas de acollida e orientación para alumnado inmigrante.
O valor do envoltorioCo libro O valor do envoltorio. Un estudo da influencia das TIC nos centros educativos, o Grupo de Investigación Stellae que coordina a catedrática Lourdes Montero achega un estudo pioneiro para a comprensión sobre os procesos de integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nos centros educativos.
A publicación estrutúrase en cinco capítulos que abordan as perspectivas teóricas que fundamentan a investigación, amosan unha panorámica global sobre equipamento e uso das TIC e, cun nivel de profundización maior, mostran a realidade de tres centros educativos. Finaliza cun conxunto de conclusións que se converten “non só en elementos reveladores senón tamén, tomándoas en consideración, nunha oportunidade clara para a mellora”, afirma na obra Lourdes Montero, cuxas liñas de traballo están especialmente centradas no campo da formación e o desenvolvemento profesional do profesorado.
Estratexias de educación ambientalPor último, a profesora Lucía Iglesias presentou o seu libro Estratexias de Educación Ambiental. Modelos, Experiencias e Indicadores para a Sostenibilidade Local, de Lucía Iglesias. A liña investigadora da autora céntrase na educación ambiental na Administración local desde a súa tese doutoral sobre as iniciativas municipais de dez concellos galegos presentada en 1998.
Esta publicación presenta unha panorámica das accións que en Galicia e Norte de Portugal se teñen desenvolvido na elaboración de estratexias locais de Educación Ambiental. Abórdanse particularmente as experiencias dos municipios, do movemento asociativo ecoloxista e dos equipamentos de Educación Ambiental con presenza en ambos os dous territorios. Ademais, como publicación do Eixo Atlántico, tamén se introducen elementos para debater sobre a educación ambiental como elemento estratéxico da participación social e da avaliación mediante indicadores comúns nas redes municipais europeas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.01.2009.