Pasar al contenido principal

O comisario da exposición 'O legado de Fontán', Ramón Chantada, falará sobre a mostra este luns en Lugo

A obra está aberta ata o 30 de xaneiro na Sala Isaac Díaz Pardo

O Comisario da exposición sobre o legado de Fontán, Ramón Chantada, dará unha charla ás 18:30 horas deste luns 19 na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria, sobre a vida e obra deste catedrático, matemático e xeógrafo galego. O material exposto no campus lugués, que leva por título 'Innovación e Territorio. O legado de Fontán ao século XXI', permanecerá aberto ata o 30 de xaneiro.
A mostra inclúe unha copia da súa obra maxistral, a Carta Xeométrica de Galicia de 1834, primeiro mapa realizado en España con rigor científico mediante métodos matemáticos e feita para este fin pola Fundación Domingo Fontán, que a doa á USC.
Estruturada en varios apartados, a exposición amosa o territorio e a estrutura administrativa de Galicia desde o inicio da organización de España como Estado moderno ata a conveniencia de consideralo clave para a organización do territorio no século XXI. O mapa recolle máis de 6.000 topónimos de ríos, montes, poboacións, vales, parroquias e outros elementos. Domingo Fontán investiu dezasete anos da súa vida na realización do mapa de Galicia, obra que finalizou en 1834, despois de percorrer a pé e a cabalo toda Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.01.2009.