Pasar al contenido principal

Este martes comezan a entregarse en Lugo as bicicletas da USC en préstamo

Nesta terceira edición incrementouse o número de solicitudes a 408

A terceira edición do Programa de Préstamo de Bicicletas da USC comeza este martes, día 13, no Campus de Lugo coa entrega das primeiras. Será na Facultade de Veterinaria entre as 16:00 e as 18:00 horas. Xa o mércores 14, en horario de 10:00 a 14:00, será a quenda do Campus compostelán.
A iniciativa da Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, é posible grazas á colaboración coa Consellaría de Medio Ambiente e a asociación ecoloxista Verdegaia, que permitirá que 300 persoas da comunidade universitaria dispoñan ata finais de xuño dunha bicicleta sempre que se comprometan a utilizala correctamente e a devolvela en perfecto estado de uso. O programa servirá ademais para estudar as particularidades do uso deste medio de transporte no entorno das cidades de Santiago e Lugo.
Na actual convocatoria acadouse unha participación máis alta que na pasada, sendo 408 as solicitudes, das que 357 corresponden a estudantes, 12 a Persoal Docente e Investigador e 18 a Persoal de Administración e Servizos. A Escola Politécnica Superior de Lugo e a Facultade de Medicina e de Odontoloxía de Santiago foron as que maior demanda presentaron.
Mobilidade sostibleO Programa de Préstamo de Bicicletas enmárcase nas iniciativas que promove a USC en aras de promover a mobilidade sostible para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera á vez que fomentar un ambiente máis saudable e cómodo nas cidades.
No web do Plan proporciónase información sobre outras actividades relacionadas entre as que destacan o programa Comparte coche ou a páxina interactiva con información sobre as liñas de autobuses que percorren os campus.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.01.2009.