Pasar al contenido principal

O grupo Gis-T Idega da USC chega a importantes acordos con empresas de transporte para o desenvolvemento de Granxafamiliar.com

Intensificarase así a comercialización directa dos produtos das granxas familiares galegas

O Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxías e Territorio da USC (Gis-T Idega) chegou a importantes acordos de colaboración coas empresas de transporte Tourline Express e Integra2 para o desenvolvemento da loxística do proxecto Granxafamiliar.com. Deste xeito, granxas familiares de concellos de toda Galicia participantes no proxecto de I+D+i da USC poderán intensificar as actividades de comercialización directa dos seus produtos sen intermediarios, destacando o envío de produtos que necesiten de transporte refrixerado (carne) así como para grandes cantidades, todo nun prazo entre 19 e 48 horas.
Os beneficios serán mutuos para compradores e vendedores e para o propio grupo de investigación, que poderá avanzar na observación e análise das novas formas de comprar e vender a través da Internet. Granxafamiliar.com está así en condicións de enviar a calquera punto de Galicia e da Península a produción tradicional de hortalizas, viños ou mel, que secularmente se destinaron ao autoconsumo familiar no medio rural galego, con custes de transporte altamente competitivos.
Desbancar aos intermediariosCon estes acordos a Universidade, a empresa privada e granxeiros de toda Galicia unen esforzos para impulsar o comercio electrónico no medio rural, poñer no mercado os produtos agrarios de carácter familiar e desbancar aos intermediarios, que son os que obteñen os maiores beneficios “tanto a conta dos produtores como dos clientes”, denuncian os responsables do proxecto.
Segundo a Coordinadora Estatal de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG), as cadeas de intermediarios obteñen, sen apenas asumir riscos, unha marxe que a miúdo supera o 450% de ganancias sobre o prezo en orixe dos produtos agrarios, e acadando valores que no caso das patacas e das laranxas “chegan a superar o 1000%”, matizan os membros de Gis-T Idega.
Granxafamiliar.comDende o ano 2007 Gis-T Idega impulsa o portal web experimental Granxafamiliar.com, destinado ás familias agrarias produtoras de Galicia que tradicionalmente practicaron o policultivo e a multifuncionalidade rural, que no pasado destinaban a súa produción ao autoconsumo familiar e que actualmente están en disposición de introducila no mercado.
O portal web diríxese polo lado da demanda a calquera comprador, sexa familia, colectivo, empresa en xeral, institucións sociais, ou outros que se sintan atraídos polos prezos, a calidade dos produtos e por unha nova forma de comercio, “a máis xusta para Galicia”, afirma o director do proxecto, Carlos Ferrás. “Trátase de establecer canais de información e de fluxos de rendas entre o medio rural e urbano”, aclara, traballando directamente coas familias produtoras na promoción dos produtos que ofertan e que os clientes poden apreciar in situ visitando as granxas familiares.
A práctica do autoconsumo propia do minifundio tradicional galego garantiu a pervivencia dunha forma de producir alimentos sostible social e medioambientalmente, e os alimentos producidos nas granxas alimentaron “durante moitas xeracións” ás familias galegas. Son estes valores e unha cultura coa que o grupo Gis-T Idega quere comprometerse “por ser o patrimonio cultural de todos os galegos e galegas”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.01.2009.