O responsable de Programas Internacionais do sistema público universitario do Estado de Nova York avoga por incrementar os intercambios de universitarios coa USC

O vicerreitor de Programas Internacionais do Sistema Público Universitario do Estado de Nova York (SUNY), oe x embaixador Robert Gosende, mantivo este luns un encontro co reitor e co vicerreitor de Relacións Institucionais da USC como inicio da visita que esta semana desenvolve en Galicia. Ademais, Gosende impartiu na Facultade de Filoloxía a conferencia ‘The Gosende brothers: From Serra de Outes to New England. A galician family in the United States’. Gosende estivo acompañado pola agregada cultural da Embaixada de EE.UU., Marti Estell, e a vicedirectora da oficina internacional de SUNY, Sally Crimmins.
No encontro cos responsables universitarios composteláns, Gosende manifestou o seu interese por profundar nos actuais vínculos existentes entre a USC e as universidades públicas norteamericanas para que un maior número de estudantes se sumen aos programas de intercambio. Neste senso, salientou a necesidade de mellorar a mobilidade dos estudantes para o que, na súa opinión, son precisas novas vías de financiamento á marxe das axudas estatais.
Robert Gosende subliñou que a de Santiago é unha universidade de destino “fenomenal dende a perspectiva histórica” para os estudantes de intercambio. A súa riqueza monumental convértea nun espazo privilexiado para os interesados en estudar historia ou arte, aínda que manifestou o seu interese por potenciar o fluxo de universitarios no eido das ciencia e a informática.
O embaixador aproveitou a súa estadía en Galicia para profundar nas súas orixes galegas, xa que o pai do diplomático era orixinario da parroquia de Ribasar no concello de Rois, de onde partiu en dirección a Cuba. A súa visita tivo unha ampla acollida nos medios de comunicación galegos (Galicia Hoxe, La Voz de Galicia)