Pasar al contenido principal

Analizan en Ciencias Políticas a Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade

A Asociación Asistencia Persoal para a Vida Independente (VIgalicia) desenvolve estes días na Facultade de Ciencias Políticas unhas xornadas sobre a Convención das Nacións Unidas acerca dos Dereitos das Persoas con discapacidade nas que colabora o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC.
No encontro participan destacados conferenciantes, varios deles da USC, como Jorge Pueyo que disertará sobre os efectos xurídicos da Convención en España, ou Roberto Blanco que exporá o seu punto de vista sobre as novas formas de discriminación. Dende o ámbito social intervirá Javier Romañach para explicar as oportunidades que a Convención brinda para desenvolver novas políticas sociais. Ademais haberá diversas charlas e mesas redondas que abordarán os dereitos sociais dende a perspectiva económica, a experiencia persoal e o enfoque ideolóxico que fundamenta este tratado internacional.
Convención internacionalO 13 de decembro de 2006 a Asemblea xeral das Nacións Unidas aprobou a Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con discapacidade, resultado dun longo proceso no que participaron varios actores e entre os que tiveron un papel destacado as organizacións de persoas con diversidade funcional e as súas familias.
Este novo instrumento supón importantes consecuencias para as persoas con diversidade funcional. Unha das principais será a “visibilidade” deste grupo cidadán dentro do sistema de protección dos dereitos humanos de Nacións Unidas, a asunción do fenómeno da diversidade funcional como unha cuestión de dereitos humanos e poder contar cunha ferramenta xurídica vinculante á hora de facer valer os dereitos destas persoas.
O Estado español asinou e ratificou a Convención da ONU e o seu Protocolo Facultativo, que abre unha nova vía de reclamación dos dereitos, entrando en vigor o pasado 3 de maio de 2008. A partir desa data, a Convención pasa a formar parte do ordenamento xurídico español e é invocable ante as autoridades políticas, xudiciais e administrativas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.01.2009.