Pasar al contenido principal

O primeiro encontro arredor da mostra 'Vermellas' versará sobre a figura de Consuelo Alonso

A profesora do departamento de Historia Contemporánea e de América do Campus de Santiago María Xesús Souto será a primeira en abrir o ciclo de Encontros arredor da mostra ‘Vermellas’, que o luns 9 xirará en torno á figura de Consuelo Alonso González.
A charla, que terá lugar na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo ás 19:00 horas, achegará o traballo que a investigadora María Xesús Souto fixo sobre Consuelo Alonso, máis coñecida como ‘A comunista’, e da que xa ten publicado un libro baixo o título: A comunista Consuelo Alonso González, no número 11 de Unión Libre.
Alonso, natural de Asturias, foi executada logo de ser xulgada en Lugo por adhesión á rebelión militar acusada de facer propaganda en contra do réxime de Franco, polo que foi sentenciada a pena de morte nas tapias do cuartel de Lugo, en 1938.
María Xesús Souto exporá as súas teorías sobre o seu estudo deste caso de represión, que leva investigando desde o ano 1997 cando se abriron ao acceso libre os arquivos militares. Entre as súas conclusións, Souto destaca a persistencia dun gradiente social, que se acentuaba no caso das mulleres, e o feito de que fose a única muller executada oficialmente cun sumario militar en toda a provincia de Lugo, segundo esta investigadora, debido a que se considerou que tiña un comportamento autónomo, a diferenza doutras mulleres acusadas e que non foron fusiladas por “estaren baixo a influenza dos seus maridos”.
VisitasA exposición ‘Vermellas’, que está enmarcada no Convenio Lugo Cultural, estará aberta ata o 5 de maio de luns a venres, de 13:30 a 16:30 horas e de 19:00 a 21:00 horas. Tamén se poderán concertar visitas guiadas chamando ao teléfono 982.285.900. Ext. 21511.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.03.2009.