Pasar al contenido principal

Ciencias da Educación celebrou o seu patrón Frei Martín Sarmiento

De esquerda a dereita, Salustiano Mato, María José Pérez, Adela Cortina, Senén Barro e Lois Ferradás
De esquerda a dereita, Salustiano Mato, María José Pérez, Adela Cortina, Senén Barro e Lois Ferradás

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu este venres a celebración do patrón da Facultade de Ciencias da Educación, Frei Martín Sarmiento, que estivo presidida polo reitor Senén Barro. Asistiron tamén os directores xerais de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e de Ordenación e Innovación Educativa, Salustiano Mato e María José Pérez, respectivamente.
Logo dunha pequena intervención do decano do centro, Lois Ferradás, tivo lugar unha conferencia da profesora Adela Cortina que levou por título ‘Educar para unha cidadanía activa e xusta’.
No transcurso do acto fíxose ademais entrega dos diplomas aos Premios Extraordinarios de Diplomatura do centro, Iria Peteiro, Verónica Boo, Raquel Costas e María García, e de Licenciatura a Miguel Rodríguez, Alejandro Sotelino, María Teresa Díaz e Lucía López.
Entregáronse ademais os II Premios María Barbeito na modalidade de Innovación e Experiencia Pedagóxica. Recaeu o primeiro no proxecto ‘SITGTV, dende o xornal á televisión en internet’ do CEIP de Sigueiro, e do que é coordinador Manuel Rives; mentres que o segundo foi para ‘Unha ollada cara ao pasado’ de María Dolores Vázquez, Nélida Fernández, María Ángeles Vidal, María Fe Taboada e Sandra Otero. Houbo tamén unha mención honorífica ao Proxecto Esculcar, da Escola de Educación Permanente de Adultos da Penitenciaría de Bonxe. Xa na modalidade de Investigación Pedagóxica premiouse o traballo ‘Proxecto Fenix: Proceso de diagnóstico e actualización da estratexia galega de educación ambiental’ presentado pola Sociedade Galega de Educación Ambiental.
Por último, recolléronse os IV Premios á Calidade Lingüística na Facultade. O primeiro foi para Narén Virginia Fernández polo traballo ‘Asociación cultural e pedagóxica Ponte... nas ondas! Unha experiencia de educación patrimonial’; o segundo para ‘A inserción da muller no eido laboral: respostas outorgadas dende a Oficina de Igualdade de Lalín’ das alumnas María del Carmen Pérez, Débora Sande, Beatriz Teixeira e Susana Vales e a ‘O impacto social e educativo das TIC’ de Antía González. As mencións honoríficas recaeron en Andrea Porto por ‘Wind-ou window?’ e en Carmen Denébola por ‘Os xogos de familia. Investigación etnográfica’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.03.2009.