Pasar al contenido principal

O Campus de Lugo recibe as propostas do XV Festival Internacional de Teatro Universitario

Os escenarios de Santiago proceden de Brasil e Rusia

A Compañía de Teatro da USC no Campus de Lugo abrirá este martes 24 o Festival Internacional de Teatro Universitario na cidade da muralla romana, ás 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire, coa posta en escena da obra ‘Susie’, de Carol López. Esta actividade englóbase dentro da programación do Convenio Lugo Cultural no que están integradas a USC, o Concello de Lugo, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia.
O festival, que tamén se desenvolve simultaneamente no Campus de Santiago, inclúe oito representacións, sete adultas e unha orientada ao público infantil, unha por día ata o 30 de marzo, agás o día 29 que haberá dúas. Pechará esta edición o Grupo Mariscastaña, da Universidade de Vigo, coa obra ‘Hide’.
Entre estas dúas citas figuran varias representacións que teñen a vida como elemento común. Así, as obras que se poderán ver na cidade son ‘Un xenio corrente’, do grupo de teatro Moct Teatp da Universidade do Estado de Moscova (Rusia); ‘El Lazarillo’ de Teatro Rodante, da Universidade de Porto Rico; ‘La tempestad’, da Escola Superior de Arte Dramático de Murcia; ‘Abuelos. Las cerezas de la memoria’, da Aula de Teatro da Universidade de Alacante; ‘Rescuita e o Reino dos Sentimidos’, da Universidade de Vigo; e ‘Xogos á hora da sesta’, da Aula de Teatro da USC.
Todas as representacións serán de entrada gratuíta e terán lugar no Auditorio Gustavo Freire. Haberá autobuses para asistir que saíran desde a Escola Universitaria de Formación de Profesorado ás 20:15 horas, e desde o Pavillón Central da Facultade de Veterinaria ás 20:30 horas.
Programa para o martes 24 en SantiagoUn musical e unha peza baseada no texto Esperando a Godot serán as propostas que o Festival Internacional de Teatro Universitario porá sobre as táboas do escenario de Santiago este martes 24.
Na primeira das funcións, ás 19:00 horas na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño, a compañía Núcleo 2 do Sujeitos de Cena do Departamento de Artes Escénicas da Universidade de São Paulo representará ‘(Des)esperando’, peza baseada no texto de Beckett Esperando a Godot.
Xa a partir das 21:30 horas, no Teatro Principal, o grupo Moct Teatp da Universidade do Estado de Moscova estrea o musical ‘Un xeño corrente’, de Vadim Shefner. En ambos os dous casos, a entrada é gratuíta previo paso polo despacho de entradas que na Sala Roberto Vidal Bolaño abrirá a partir das 18:30 horas e no Teatro Principal dende as 18:00 horas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.03.2009.