Pasar al contenido principal

Xa está en marcha a segunda edición do Premio Fonseca de divulgación científica

O científico Stephen Hawking foi o primeiro protagonista do galardón que pretende incentivar a transmisión do coñecemento científico e o saber ao gran público

O Premio Fonseca de divulgación científica deuse a coñecer o pasado ano ao outorgárselle na súa primeira edición ao científico británico Stephen Hawking. En 2009, este galardón de proxección internacional volve retomar a súa andaina coa posta en marcha da súa segunda convocatoria. As principais características da edición 2009 presentáronas en rolda de prensa este martes 31 o reitor da USC, Senén Barro, e o presidente do Consorcio de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; acompañados do xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; e do coordinador do programa ConCiencia, Jorge Mira.
Ao abeiro do programa ConCiencia, o Premio Fonseca é unha iniciativa que nace coa fin de incentivar a transmisión do coñecemento científico e o saber ao gran público. O seu obxectivo é recoñecer como un importante valor o interese e a capacidade de amosar á sociedade “a necesidade e a beleza do coñecemento de xeito sinxelo e atractivo”. Trátase da “acción de divulgación científica de máis impacto de Galicia”, subliñou Jorge Mira. O prazo para a recepción de candidaturas permanecerá aberto ata ás 14:00 horas do 15 de abril.
Como na súa primeira edición, poderán ser candidatas aquelas persoas acredoras dunha destacada traxectoria no eido da divulgación científica dirixida ao público en xeral mediante unha utilización eficaz das posibilidades que ofrecen os medios de comunicación así como mediante o desenvolvemento de métodos ou medios de divulgación científica innovadores. Tamén poderán recoñecerse aquelas persoas que, a través da súa actividade, supoñan un referente público que estimule o interese xeral polo coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico nalgún ámbito do saber.
Os candidatos deberán ser propostos por grupos de persoas ou institucións de recoñecido prestixio que achegarán memoria explicativa da proposta, incidindo naqueles aspectos da traxectoria persoal e profesional do/a candidato/a.
O xurado que vai analizar as propostas intégrano o reitor da USC, o xerente do Consorcio de Santiago, o coordinador do Programa ConCiencia que actuará como secretario, o director de Programas do Consorcio de Santiago e catro persoas relacionadas coa divulgación científica. Na súa decisión, tendo presente que non se trata de recoñecer traxectorias científicas excepcionais, tratarán de salientar aquelas contribucións excepcionais á divulgación científica e ao estímulo de vocacións así como ao desexo de saber en xeral ou en ámbitos concretos do coñecemento e do desenvolvemento científico.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.03.2009.