Ciencia en Acción 2009 premia o proxecto 'La mujer innovadora de la Ciencia', no que participan docentes da USC
O concurso Ciencia en Acción 2009 acaba de premiar o proxecto ‘La mujer innovadora de la Ciencia’, iniciativa da Comisión de Mulleres Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española na que se atopan implicadas as profesoras da USC Elena Vázquez Abal e Josefina Ling.
O premio é un recoñecemento a un grupo de matemáticas españolas que durante os últimos anos traballou para poñer en marcha unha serie de actividades entre as que destaca de maneira singular a exposición que percorreu máis de cen centros educativos e diversos espazos cidadáns.
Financiado pola FECYT así como por diversos organismos autonómicos, universidades e centros de profesores, o eixo do proxecto é unha mostra de vinte paneis nos que se percorre a biografía doutras tantas mulleres matemáticas relevantes no desenvolvemento da historia da ciencia. A exposición complétase cunha aplicación didáctica dirixida aos escolares de secundaria, un libro de viaxes onde o estudante debe superar etapas respondendo a certas preguntas relacionadas con estas mulleres, un xogo de ordenador, un crebacabezas e marcadores de libros.
Pola súa banda, Ciencia en Acción é un programa que procura achegar a ciencia e a tecnoloxía ao gran público, tratando de atopar ideas novidosas que as fagan máis atractivas para a cidadanía e conseguir así aumentar a apreciación da ciencia. Esta acción diríxese a profesores, alumnos dos distintos niveis, investigadores universitarios, xornalistas ou artistas.