O Grupo de Tecnoloxía Educativa da USC organiza a primeira visita de estudo de inspectores e directores de centros educativos europeos

Directores, inspectores e responsables da administración educativa de catorce países europeos (Alemaña, Hungría, Austria, Romanía, Polonia, Portugal, Holanda, Italia, Inglaterra, Finlandia, Bélxica, Croacia, Turquía, España) participan ao longo desta semana na primeira visita de estudo organizada polo Grupo de Tecnoloxía Educativa e o CPI O Cruce de Cerceda, no marco do Programa Europeo de Aprendizaxe Permanente (LLP).
Esta modalidade de actividade céntrase en coñecer en profundidade a realidade do sistema educativo dos países membros e intercambiar experiencias innovadoras nun ámbito determinado do Programa de Aprendizaxe Permanente (PAP). Por esta razón, o Grupo de Tecnoloxía Educativa organiza esta primeira visita de estudo que ofrece aos participantes a posibilidade de coñecer a actividade de centros educativos galegos innovadores no ámbito do e-learning e as liñas de investigación e proxectos europeos neste campo que o grupo vén desenvolvendo nos últimos anos.
Con este propósito o martes pasado o IES San Clemente, pioneiro na formación a distancia, recibiu ao grupo e coordinou unha reunión de traballo nas súas instalacións. Xa este mércores o vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino, reuniuse con eles para presentarlle as principais iniciativas da USC en materia de internacionalización, nunha xuntanza á que tamén acudiu a responsable en Galicia dos programas de mobilidade internacional, Carmen Sande. A última visita a centros galegos terá lugar este venres na Escola Oficial de Idiomas da Coruña.
O programa complétase con actividades de formación e información específicas desenvolvidas no laboratorio de investigación en medios audiovisuais e tecnolóxicos da Facultade de Ciencias da Educación. Ao longo da semana os membros do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa presentarán os proxectos e resultados de investigación derivados da súa actividade máis recente no ámbito europeo e establecerán un debate conxunto cos profesores visitantes.
As docentes da USC Beatriz Cebreiro e Carmen Fernández Morante e os profesores Milagros Trigo e Juan Gordillo, do CPI O Cruce de Cerceda, traballan desde hai seis anos en diferentes proxectos para o deseño de materiais dixitais, elaboración de exemplos de Boas Prácticas de uso das TIC na educación e a formación, competencias TIC de alumnos e profesores. Anualmente imparten o curso IPM Tools do catálogo Comenius que, ano tras ano, atrae a un bo número de profesores europeos e ten moi boa acollida en Europa.