Pasar al contenido principal

O Consello de Goberno da USC aproba os Graos en Enfermaría, Educación Social e Pedagoxía

O Consello de Goberno da USC aprobou na xuntanza deste mércores novos títulos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, que agora deberán ser verificados polo Consello de Universidades. Trátase dos Graos en Enfermaría, Educación Social e Pedagoxía, e dos Másters Oficiais en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de linguas; en Lecturas sobre a cidade histórica. Arte, cultura e sociedade; e en Psicoloxía Social aplicada aos contextos organizacional e político-xurídico.
A implantación de titulacións organizadas consonte ao EEES, cun modelo organizativo case sen directrices, outórgalle ás Universidades moita máis flexibilidade e autonomía para configurar a súa oferta académica. Neste contexto, a USC acaba de dar o visto bo aos criterios e instrucións, con importantes novidades, que deberán aplicarse para a aprobación da Planificación Académica Anual do curso 2009/2010.
Na mesma xuntanza establecéronse as condicións e criterios para compoñer a oferta institucional de prazas correspondente á convocatoria 2009 do programa ‘Ramón y Cajal’ de contratación e incorporación de recursos humanos de investigación.
Declaración StarlightA USC decidiu adhesionarse á iniciativa internacional ‘Starlight’ en defensa da calidade do ceo da noite como ben científico, cultural e ambiental da humanidade. Para a institución compostelá a diminución dos niveis de contaminación lumínica é un obxectivo de sustentabilidade no que quere estar activamente presente mediante os seus recursos técnicos, persoais e de coñecemento.
Outros asuntosA normativa provisoria pola que se regulan os concursos de acceso aos corpos docentes universitarios así como os criterios para o reparto de axudas de terceiro ciclo foron outros puntos tratados na reunión, que se completou coa presentación dun informe sobre a actividade das cátedras institucionais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.02.2009.