O Consello de Goberno da USC trata este venres a memoria económica de 2008
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago reúnese este venres 26, a partir das 9:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, para tratar, entre outros asuntos, a Memoria Económica do ano 2008. Na xuntanza presentarase ademais un informe sobre a reordenación urbanística no Campus Sur.
Outros asuntos da xuntanza son unha convocatoria propia de bolsas financiada polo Santander, o seguro de accidentes e asistencia en viaxes para estudantes da USC, a modificación do límite de prazas en titulacións de grao ofertadas no curso 09-10, o límite de prazas para os másteres oficiais e os títulos adaptados ao EEES.
No que se refire ao PDI, o Consello de Goberno tratará a asignación de complementos retributivos 2008, os criterios para o cálculo da relación capacidade-encargo docente das áreas de coñecemento, cambios de dedicación e prazas (estabilizacións, plan de choque, reposición de vacantes e outras actuacións).
Xa por último, o Consello de Goberno elixirá aos membros do Observatorio do Código Ético, aos da comisións do Consello de Goberno e do representante do Consello de Goberno no CEFILMUS.