Pasar al contenido principal

O Congreso Anual de Eunis chega ao seu fin analizando as orixes e futuro da rede de redes

Será en dúas conferencias plenarias que impartirán dous dos pioneiros de Internet en Europa

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, recibiu en San Xerome á reitora da Universidade de Varsovia, Katarzyna Chalasinsa-Mucukow, institución que acollerá en 2010 a próxima edición do congreso anual da European University Information Systems (EUNIS). No encontro, Katarzyna Chalasinsa solicitou a colaboración da USC na organización da próxima cita da asociación europea, á vista da experiencia acumulada coa organización da presente edición.
Xa no plano académico, as sesións deste xoves tiveron como protagonistas ao director do Centro de Supercomputación da Universidade de Edimburgo–considerado como un dos centros destas características máis importantes de Europea-, Arthur Trew, e ao vicepresidente de Educause, Richard Katz. Mentres o primeiro deu conta de cara onde se está a dirixir a supercomputación, Richard Katz presentou unha reflexión sobre a evolución á que está chamada a educación universitaria pola súa relación coas tecnoloxías, convidando aos asistentes a analizar como podían afectar á esencia mesma da docencia e a investigación.
Para a xornada de clausura deste venres, a partir das 12:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina, o congreso contará coa presenza de Louis Pouzin, considerado un dos pioneiros de Internet en Europa e un dos especialistas clásicos neste mesmo eido. Na súa intervención presentará unha visión de futuro da influencia das tecnoloxías en todos os ámbitos. Xunto a el, estará o profesor Andreu Veá, igualmente pioneiro de Internet e impulsor do proxecto ‘Who is who in the Internet’. Veá proporá unha revisión persoal respecto das orixe da rede de redes.
Estas dúas intervencións serán o preámbulo da entrega dos premios Eunis 2009 nas categorías de Mellor Proxecto TIC e Mellor Proxecto de e-learning, así como do concurso de fotografía convocada de xeito paralelo ás sesións congresuais. Seguiranlles a reitora da Universidade de Varsovia que presentará a próxima edición deste encontro internacional e o director da Área TIC da USC e integrante do Comité Organizador, Javier Franco, para facer balance destes tres días de encontro. O presidente de Eunis botará o peche á edición compostelá.
O Congreso Anual de EunisEste congreso é o de maior proxección europea no eido das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) nas institucións de ensino superior. Trátase ademais da primeira vez a que se celebra en España, organizado nesta ocasión pola Universidade de Santiago, primeira institución española que entrou a formar parte de Eunis.
Na xuntanza participan máis de 250 especialistas, na súa meirande parte responsables de tecnoloxías da información das universidades europeas, que representan a un total de vinte e oito países, vinte e catro deles europeos ademais de Estados Unidos, Perú, Australia e Israel.
Ao longo de tres días, a Universidade de Santiago está a ser punto de intercambio e difusión dos proxectos e experiencias máis salientables na aplicación das TIC no eido universitario europeo, particularmente no relativo á xestión e á docencia. Tamén se presentan proxectos que a partir da investigación e o desenvolvemento aplicado están chamados a converterse en novos modelos de aplicación nas universidades.
Entre os proxectos que se están dando a coñecer estes días en Santiago, destacan os relativos á utilización dos conceptos de redes sociais 2.0 na Universidade, ferramentas de gravación de contidos multimedia de apoio á docencia, aplicacións semánticas de busca na web, arquitecturas de novos sistemas integrados de información, xogos virtuais de negocio e outros aplicados á docencia, gravación desatendida de clase, casos de estudo de e-administración, sistemas nacionais de matrícula, xestión de identidade, sistemas de documentación en investigación ou servizos de identidade de usuarios, entre outros asuntos.
Ademais das sesións propiamente científicas, o encontro acolle tamén a celebración das xuntanzas de traballo dos órganos de dirección de Eunis, a asemblea xeral de todos os socios, o council e a xuntanza do consello de dirección, na que se elixe a un novo presidente de Eunis e a un novo secretario executivo.
EunisA European University Information Systems (EUNIS) é unha asociación creada en 1993 cuxa actividade principal é a súa conferencia anual, a cita mais importante, no contorno europeo e mundial, de reflexión sobre os asuntos vinculados ao desenvolvemento e utilización das TIC nas universidades. Na actualidade conforman a asociación 135 institucións oficiais pertencentes a 29 países europeos e Estados Unidos e Israel.
A finalidade básica deste colectivo é fomentar o intercambio, a cooperación e o debate entre os responsables dos sistemas de información europeos de institucións de educación superior e de investigación, así como establecer relacións no ámbito dos sistemas de información en cada país e no contexto europeo.
Para alcanzar os seus obxectivos, Eunis desenvolve diversas actividades entre as que se atopan, congresos, workshops e eventos con partners; boletíns informativos; informes e publicacións; grupos de traballo; premios ás mellores prácticas; listas de distribución; e acordos e proxectos conxuntos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.06.2009.