Pasar al contenido principal

A Universidade estudará nun curso de verán en Ribadeo as vantaxes da agricultura ecolóxica

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago celebrará do 20 ao 24 de xullo no centro de formación e experimentación agroforestal Pedro Murias de Ribadeo o curso de 30 horas lectivas titulado Agroecoloxía e desenvolvemento rural sustentábel II. Trátase dun curso teórico-práctico no que se afondará nos coñecementos técnicos e científicos sobre a agricultura ecolóxica para a mellora da calidade de vida da poboación en xeral.
Durante este curso, dirixido conxuntamente por Xan Neira, Anna Cervera e Rosa María Martínez, tratarase de dar continuidade á temática iniciada o curso pasado co obxectivo de presentar a agroecoloxía como unha opción vantaxosa desde o punto de vista social, económico e ambiental.
Un dos módulos nos que está estruturado este curso é amosar outros retos que abrangue o estudo da agricultura ecolóxica, como a preocupación pola saúde. Así, haberá unha xornada dedicada á medicina humana e animal, cunha apartado sobre homeopatía veterinaria.
A terceira parte do programa consistirá nunha sesión de prácticas con visitas sobre o terreo. Ao longo desta sesión impartirase un taller de elaboración de queixo e outro de biomasa forestal e compostaxe.
A taxa xeral de matrícula para este curso, que se desenvolverá ata o 24 de xullo, é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 10 de xullo), xa está aberto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.06.2009.