Responsables da Universidade marroquí Cadi Ayyad debaten sobre calidade na USC

A Universidade de Santiago acolle estes días un seminario de calidade enmarcado no Proxecto Tempus ‘Management de l´Université par la Qualité’ que, subvencionado pola Comisión Europea con 520.000 euros, ela mesma coordina. Ao longo do proxecto, que se atopa no seu terceiro e último ano, realizáronse intensas labores de formación en sistemas de calidade e supervisouse todo o proceso de acreditación da Universidade marroquí Cadi Ayyad.
Unha vez avaliada a calidade pola axencia internacional Bureau Veritas concedéuselle a certificación ISO 9001 a vinte e un servizos de administración central desa institución marroquí, desde a contabilidade ata recursos humanos ou xestión académica e control interno. Desa forma converteuse na primeira universidade de África do Norte e unha das poucas dese continente en recibir a certificación ISO.
Recepción da USCOs responsables de calidade de cada un dos centros que ten a Universidade Cadi Ayyad están seguindo un programa de formación en Compostela e Vigo. Esta mañá todos eles foron recibidos en San Xerome polo vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino, e polo responsable da Oficina de Relacións Exteriores da USC, Enrique López-Veloso.