A Universidade estudará nun curso de verán en Ribadeo a técnica audiovisual para filmes de temática ambiental
A Universidade de Santiago celebrará do 20 ao 24 de xullo no centro de formación e experimentación agroforestal Pedro Murias de Ribadeo o seminario de 20 horas lectivas titulado ‘Obradoiro agroecoloxía e cinema’, co obxectivo de achegar aos asistentes conceptos da teoría e da técnica cinematográfica aplicada a temáticas que xiran arredor da agroecoloxía e dos filmes antropolóxicos e da natureza.
Durante este curso, dirixido por Xan Neira, xunto cos profesores da Universidade de Paris X-Nanterre Fabienne Wateau e Baptiste Buob, analizaranse as características do guión cinematográfico, a selección de planos e a montaxe cinematográfica.
Haberá tamén xornadas dedicadas á filmación e toma de imaxes, que se desenvolverán a partir do curso ‘Agroecoloxía e desenvolvemento rural sustentábel II’, que se impartirá nas mesmas datas, con compatibilidade de horarios con este novo seminario. O programa conta ademais con dúas proxeccións de filmes, os días 23 e 24 de xullo, no Auditorio de Ribadeo, tras as que haberá un debate cos autores.
A taxa xeral de matrícula para este curso, que se desenvolverá ata o 24 de xullo, é de 70 euros. Existe un prezo reducido, de 40 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 10 de xullo), xa está aberto.