Un curso sobre xestión e dirección de proxectos impartirase en Santiago no mes de xullo
A Universidade de Santiago impartirá a partir do 15 de xullo o curso de verán ‘Aspectos avanzados da dirección de proxectos’, dirixido por Manuel Francisco Marey Pérez. O obxectivo fundamental das clases será o de difundir desde a Universidade a existencia dun corpo de coñecementos en dirección de proxectos, a súa potencialidade de aplicación profesional e nas empresas, e que neses ámbitos se descubra a necesidade de formarse na xestión de proxectos.
A metodoloxía das 30 horas lectivas das que consta o programa esténdense ás nove áreas directivas definidas polo PMI (Project Management Institute) que son a definición e o control do alcance do proxecto, a estimación e control do prazo e custo do proxecto, a xestión da calidade do proxecto, a xestión do risco, a xestión das compras e contratacións, a xestión da información e comunicacións do proxecto, a xestión dos recursos humanos do proxecto, e a integración de todas as áreas anteriores, por medio da planificación e do control globais do proxecto.
A taxa xeral de matrícula para asistir a estas sesións que se desenvolverán na Escola Superior de Enxeñaría de Santiago ata o 17 de xullo é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 3 de xullo), xa está aberto.