Neoker SL, spin-off da USC, inaugura as súas instalacións no Novo Milladoiro
A empresa Neoker, S.L., spin-off do Instituto de Cerámica de Galicia da USC, inaugura oficialmente este mércores 4 as súas instalacións no Polígono Industrial Novo Milladoiro (Rúa da Xesta, 78. Parcela A1) nun acto que, ás 12:00 horas, preside o reitor compostelán, Senén Barro.
Asisten ademais á inauguración o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido; o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato; o alcalde de Ames, Carlos Fernández; o director xeral do IGAPE; Álvaro Álvarez-Blázquez; o socio promotor de Neoker, Francisco Guitián; e o conselleiro delegado de Unirisco, Uninvest e director do Programa Uniemprende, Carlos Hernández.
Neoker é actualmente o único produtor mundial de fibras de alúmina en forma de filamentos diminutos (whiskeys). O procedemento de obtención destas fibras foi desenvolvido polos promotores Carmen Cerecedo, Francisco Guitián Rivera, Jesús Piñeiro Gómez e Víctor Valcárcel Juárez, todos eles científicos da USC.
A súa aplicación principal é a obtención de materiais compostos, aptos para o seu emprego nas condicións máis esixentes tanto desde o punto de vista da súa resistencia térmica e mecánica como pola súa estabilidade fronte ás agresións químicas.
Catro patentesOs membros do grupo de investigación promotor viñan madurando dende hai anos o proxecto industrial, debido ao enorme potencial económico do produto. En 2003 presentárono á convocatoria de premios para proxectos de base tecnolóxica, que recibiu o primeiro premio na fase de Ideas do III Concurso de Iniciativas Empresariais organizado pola USC e Uniemprende.
Os procedementos da empresa están protexidos baixo catro patentes, tres nacionais e unha internacional. Na actualidade, a USC concedeulle a Neoker a licenza de explotación e transferencia de tecnoloxía, tempo durante o que lle abonará á USC un importe equivalente ao 7% das ventas netas anuais dos produtos ou servizos derivados desas patentes.