Expertos europeos e americanos debaten na Facultade de Física as últimas achegas sobre materia a alta densidade e raios cósmicos
Investigadores europeos e americanos atópanse este días reunidos no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías para participar nunha xuntanza internacional sobre materia a alta densidade e raios cósmicos.
Neste encontro analízanse as predicións teóricas sobre os resultados que se agardan obter no grande acelerador de partículas do CERN relacionados coa materia a alta densidade así como os resultados que están aparecendo no laboratorio Auger en relación cos raios cósmicos. Tanto nesta última experiencia como nos experimentos do CERN existe unha destacada participación de investigadores da USC.
Na organización deste encontro participaron os profesores, Jaime Alvarez-Muñiz, Néstor Armesto, Elena Ferreiro, Carlos Pajares e Carlos Salgado.
Física de Altas EnerxíasO Instituto Galego de Física de Altas Enerxías é un centro mixto de investigación dependente da USC e da Xunta de Galicia, no que se agrupan 30 investigadores, dos que 21 son docentes da Universidade compostelá. A actividade científica deste instituto abrangue ás areas de física das partículas elementais, de Astropartículas, física Matemática, fenomenoloxía da física de partículas e física Nuclear.
O traballo desenvólvese tanto en forma de investigación básica teórica como experimental, sempre dirixido a mellorar a comprensión da estrutura da materia e o Universo. As aplicacións tecnolóxicas derivadas deste eido de estudo esténdense a campos moi diversos que inclúen a instrumentación científica avanzada, a tecnoloxía GRID, a microelectrónica ou a enerxía solar, entre outros.
Para acadar máis información sobre o encontro, as persoas interesadas poden dirixirse á web http://igfae.usc.es/hdqcd/.