Prolóngase ata o 13 de febreiro a exposición sobre o legado de Fontán
A mostra 'Innovación e Territorio. O legado de Fontán ao século XXI', título dunha retrospectiva da vida e obra do catedrático galego da USC, permanecerá aberta ata o 13 de febreiro, na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo.
A mostra inclúe unha copia da súa obra maxistral, a Carta Xeométrica de Galicia de 1834, primeiro mapa realizado en España con rigor científico mediante métodos matemáticos e feita para este fin pola Fundación Domingo Fontán, que a doa á USC.
Estruturada en varios apartados, a exposición amosa o territorio e a estrutura administrativa de Galicia desde o inicio da organización de España como Estado moderno ata a conveniencia de consideralo clave para a organización do territorio no século XXI. O mapa recolle máis de 6.000 topónimos de ríos, montes, poboacións, vales, parroquias e outros elementos. Domingo Fontán investiu dezasete anos da súa vida na realización do mapa de Galicia, obra que finalizou en 1834, despois de percorrer a pé e a cabalo toda Galicia.