A USC participa na Feira de Europosgraos de México

A USC participou estes días na Feira de Europosgraos de México, celebrada en México DF e Monterrey baixo a coordinación da Fundación Universidad.es. A presenza da institución docente compostelá nesta feira permitiulle mostrar a súa oferta educativa nun país no que a USC desenvolve un intenso labor de intercambio de estudantes e docentes con múltiples universidades.
Con 150 estudantes ao ano, México é o segundo país, despois de Brasil, en envío de estudantes á USC. Ademais, a Universidade compostelá conta con numerosos proxectos de colaboración académica e cooperación ao desenvolvemento ao outro lado do Atlántico, onde, tal e como indicou o vicerreitor de Política Internacional da USC Agustín Merino, “a nosa institución está contribuíndo dun xeito importante a formar investigadores e doutores”. Neste senso, tamén cabe salientar que tres das universidades mexicanas, o TEC Monterrey, a UNAM e o Instituto Politécnico, forman parte da Rede Emprendia que liderada a USC.
Ademais de participar nas actividades da feira, nesta viaxe o vicerreitor de Política Internacional entrevistouse coas autoridades educativas do país, con representantes das universidades dos tres polos educativos máis importantes, México, Guadalaxara e Monterrey, así como co corpo diplomático. Nestes encontros, o responsable universitario de Política Internacional puido comprobar como, se ben o interese das universidades mexicanas é amplo, existe unha particular inclinación cara as ciencias da saúde e os negocios, áreas estratéxicas do goberno mexicano.
O stand que a USC instalou na feira atendérono estudantes da USC que se atopan realizando estadías de estudos neste país, Verónica Filgueiras, Miguel Digón e Jesús Miguéns.