Pasar al contenido principal

Ábrese un prazo obrigatorio para confirmar ou modificar a preinscrición no Máster Universitario que substitúe o CAP

Todos os alumnos e alumnas que a comezos de curso realizaran a preinscrición no Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas da USC deberán confirmar a súa solicitude ou modificar as súas preferencias do 1 ao 6 de decembro. O trámite, obrigatorio, deberá facerse a través da secretaría virtual.
Tamén deberán confirmar ou modificar a súa solicitude os que fixeron a preinscrición nas Universidades da Coruña e Vigo para solicitar praza en itinerarios que non se impartan nesas universidades.
PrazosUnha vez realizada a confirmación ou modificación (entre o 1 e o 6 de decembro), a USC publicará o 11 de decembro as primeiras relacións de admitidos e de agarda, data na que se abre un prazo de matrícula de cinco días, ata o 15. No caso de que quedasen prazas abrirase un segundo período do 17 ao 18 e un terceiro do 22 ao 23.
Ademais, de haber prazas vacantes unha vez convocada a matrícula a todos os solicitantes dun itinerario abrirase un novo prazo entre o 8 e o 11 de xaneiro para os titulados que reúnan os requisitos e estean exentos de realizar a proba de acreditación do dominio das competencias relativas á especialización, asignándose as prazas por orde de matrícula.
240 prazas para 10 itinerariosTras determinar os itinerarios que se van impartir nas universidades galegas, a súa oferta e a distribución polos Campus de Santiago e Lugo, a USC aprobou un total de 240 prazas distribuídas en dez itinerarios. Así, en Compostela ofértanse 20 prazas para cada un dos itinerarios de Matemáticas; Ciencias Sociais, Xeografía e Historia; Filosofía; Lingua e Literatura Galega e Lingua e Literatura Castelá; Cultura e Linguas Clásicas; Música, e Orientación Educativa. En Lugo son 20 as prazas do itinerario Sector Primario e Secundario. Finalmente, a USC ofrece 20 en Lugo e outras tantas en Santiago para os itinerarios de Ciencias Experimentais e de Linguas Estranxeiras.
Para a obtención deste título deberá acreditarse obrigatoriamente o coñecemento do nivel B1 dunha lingua estranxeira. Para iso, no momento da matrícula no Máster os alumnos e alumnas poderán inscribirse na proba de nivel para a acreditación do coñecemento dunha lingua estranxeira convocada o 12 de novembro polo Centro de Linguas Modernas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.11.2009.