A Rede de Economía Ecolóxica en España reúnese na Facultade de Ciencias de Económicas
A Rede de Economía Ecolóxica en España (EcoEcoEs) celebra este xoves 11 e o venres 12 o seu carto encontro anual na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. O encontro organízano os profesores Xoan Doldán, Xavier Simón e Mª Luisa Chas, da USC e da Universidade de Vigo, coa colaboración da Xunta de Galicia.
Dende a economía ecolóxica proponse un cambio radical de paradigma epistemolóxico, no que a análise da interacción entre a economía, a sociedade e o medio ambiente se explica dende unha perspectiva “holística, complexa e coevolutiva, ligando os procesos naturais cos fluxos biofísicos e económicos que xeran as sociedades”, apuntan os promotores. Así, os integrantes desta Rede propoñen a análise da dimensión física da realidade, non unicamente a monetaria, utilizando tanto variables cuantitativas como cualitativas.
O obxectivo de EcoEcoEs é crear sinerxías entre investigadores e docentes españois dedicados aos estudos da economía ecolóxica e fomentar a relación destes con institucións europeas e internacionais. Creada en 2006, a rede traballa para fomentar, fortalecer e defender os principios da Economía Ecolóxica mediante actividades, fundamentalmente, económicas.
Neste IV Encontro, ademais dos relatorios de destacados investigadores e especialistas realizaranse sendas presentacións dos traballos de cinco estudantes de Terceiro Ciclo para a súa exposición pública e debate. A finalidade é que tanto os investigadores senior como os máis novos sexan quen de atopar unha lugar de reflexión conxunta co obxecto de avanzar no camiño da sustentabilidade.
Programa‘Reflexións sobre Economía Ecolóxica’ é o lema baixo o que se desenvolverá a sesión prevista para este xoves 11, comezando polo acto de inauguración, previsto para as 9:00 horas. Deseguido, Joaquim Sempere Carreras, da Universitat de Barcelona, pronunciará o relatorio ‘Decrecemento e sostibilidade’. Antón Novas, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, tomará a palabra a continuación para abordar a relación entre o sistema alimentario e os transxénicos. A sesión matinal completarase coa celebración dunha xuntanza interna da rede e continuará pola tarde cunha visita á cooperativa Monte Cabalar da Estrada. A sesión do venres 12 estará dedicada ás presentacións de estudantes.