Pasar al contenido principal

O profesor da USC Francisco Ares recoñecido pola Sociedade de Comunicacións do Institute of Electrical and Electronics Engineers

O director do grupo de Sistemas Radiantes da USC, Francisco J. Ares Pena, recibiu este luns en Dresde o recoñecemento da Sociedade de Comunicacións do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) polo seu traballo no deseño de agrupacións de antenas. A Sociedade celebra estes días na cidade alemá o seu Congreso Internacional.
Dende o ano 1965, este encontro é un dos eventos de referencia da Sociedade de Comunicacións do IEEE, sendo punto de encontro entre os científicos máis destacados do ámbito académico e do mundo da industria. Ao longo das sesións previstas presentaranse os últimos avances no eido das comunicacións, facilitando paralelamente o intercambio de ideas, a identificación de futuras tendencias nas comunicacións ou posibilidades de negocio.
O recoñecemento da Sociedade de Comunicacións súmase, deste xeito ao grao de Fellow outorgado a Francisco Ares pola Sociedade de Antenas do mesmo IEEE. O profesor Ares foi o único español que este ano acadou o grao concedido a outros doce investigadores de todo o mundo. Este cadro de Fellows está considerado como un grupo de elite ao redor do mundo que ten encomendado guiar e liderar a evolución da tecnoloxía eléctrica e electrónica.
IEEEO Institute of Electrical and Electronics Engineers, organización sen ánimo de lucro considerada líder no avance da tecnoloxía, confórmano máis de 375.000 membros de máis de 160 países, cun total de 324 seccións e 1.784 capítulos que unifican aos membros locais dunha determinada rexión con intereses técnicos similares. As distintas áreas de coñecemento ás que o IEEE presta atención agrúpanse en 38 sociedades.
No seu haber posúe preto de 1.300 estándares e proxectos en desenvolvemento, máis de 1,7 millóns de documentos na súa libraría eletrónica e promove preto de mil conferencias anuais e un total de 144 publicacións periódicas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.06.2009.