Os impulsores de Granxafamiliar.com dan un paso máis co Museo Virtual de Rutas Etnográficas de Galicia
O Grupo de Investigación Gist-Idega da USC e a Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar (ADAF), co profesor Carlos Ferrás Sexto á cabeza, desenvolven dende hai varios anos o proxecto Granxafamiliar.com, un sistema de comercialización de produtos agrarios de orixe familiar, no marco dos plans galego e nacional de I+D+i.
O proxecto baséase na cooperación entre diversas entidades cuns obxectivos comúns dirixidos a impulsar o desenvolvemento social, económico e cultural no medio rural galego a través dunha comunidade virtual que impulse as transaccións comerciais sen intermediarios entre as familias produtoras e os potenciais compradores urbanos. Ademais de ADAF e a USC colaboran na iniciativa os Concello de Brión, Lalín e Antas do Ulla, Cáritas e Caixa Galicia.
Agora, todos eles queren dar un paso máis co Museo Virtual de Rutas Etnográficas de Galicia (que se aloxará no web www.galiciaauténtica.org) que recollerá en formato multimedia aqueles aspectos da cultura, paisaxe, estilos de vida, costumes e tradicións, gastronomía, arqueoloxía ou patrimonio que permiten obter unha auténtica visión “alternativa” da xeografía cultural de Galicia.
Para definir os contidos do proxecto multimedia este sábado 7 reuniranse no Concello de Lalín técnicos e investigadores do Gist-Idega ademais de trinta familias produtoras de diversos lugares de Galicia participantes en Granxafamiliar.com. A xuntanza será ás 16:00 horas en Casa Pájaro, na parroquia lalinense de Filgueira.
Galicia AuténticaUn equipo de catro técnicos está percorrendo a xeografía das diferentes comarcas galegas capturando en vídeo, fotografía e son dixital pequenos trazos a modo de “flashes” da vida diaria que os galegos e galegas desenvolven en aldeas, pobos, camiños, portos, montañas, parroquias e cidades galegas.
Este arquivo multimedia dixital está sendo xeo-referenciado a partir de ‘Google Maps’ e difundido en redes socias con canais propios en ‘Youtube’ e ‘Facebook’. Deste xeito preséntase unha Galicia Auténtica, descoñecida, con todos os aspectos positivos e negativos que nos caracterizan como pobo orixinal e diferente no contexto español e europeo.
Dende ADAF e a USC búscase chamar a atención, impulsar a reflexión interna na sociedade galega e incentivar a “mirada dos outros” sobre a nosa idiosincrasia e referentes etnográficos. Todo isto a partir dunha estratexia de marketing territorial en liña “que nos permita definir produtos galegos con imaxe de marca diferenciada e capaces de competir no mercado internacional do ocio, do turismo activo e dos produtos agrarios naturais e ecolóxicos”, explica Carlos Ferrás.