Pasar al contenido principal

O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC presenta en León o seu traballo en materia de diversidade funcional

Destaca a posta en marcha do Centro Documental de Vida Independente

O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC (Sepiu) presenta estes días en León, no marco do IV Congreso Universidade e Discapacidade, o traballo que está desenvolvendo na área concreta de Integración Universitaria, cun proxecto xa definido como é o Centro Documental de Vida Independente (CEDOVI).
Baixo o título ‘Accesibilidade, TIC e Redes sociais: tres claves de dinamización e apoio no traballo da Área de Integración Universitaria da USC’, o coordinador do Sepiu, Javier Agrafojo, e a responsable da Área de Integración Olga Martínez, falarán da utilización das Tecnoloxías da Información e Comunicación como soporte e elemento dinamizador das actividades dirixidas ao colectivo de persoas con diversidade funcional que forman parte da comunidade universitaria da USC e a súa contorna máis próxima, así como o apoio de carácter técnico e tecnolóxico dirixido a este colectivo.
Centro documentalConcretamente, co proxecto de deseño e desenvolvemento do CEDOVI, financiado pola Fundación Vodafone España e no que participan entidades vinculadas ao Movemento de Vida Independente como VIGALICIA, o Sepiu pon en marcha unha ferramenta para a difusión do cambio da paradigma na maneira de abordar o fenómeno social da diversidade funcional.
Nunha primeira fase desta iniciativa elaborouse unha versión beta para rexistrar, categorizar e facilitar a localización de documentos en formato dixital, orixinados polo Movemento da Vida Independente e as correntes sociais das persoas con discapacidade. Froito desa primeira etapa -realizada no curso 2007-2008- e coa idea de ofrecer aos futuros usuarios un recurso que ampliase as súas posibilidades, optouse por redefinilo ao comezo do curso 2008-2009 de cara a desenvolver un espazo vivo, que favorecese a creación de contidos, o aproveitamento da intelixencia colectiva, a participación social e o sentimento de comunidade na Rede.
Entre outras características, o CEDOVI aloxa unha base de datos que inclúe información sobre ferramentas de hardware e software que favorecen a eliminación de barreiras de acceso á información. Preténdese contribuír á formación dos membros da comunidade universitaria, así como de distintos profesionais de educación e/ou outros sectores relacionados co colectivo de persoas con diversidade funcional, sobre a existencia e modo de utilización destas ferramentas, que permiten mellorar o rendemento dos usuarios desta tecnoloxía, ampliando as súas posibilidades de futura inserción sociolaboral.
Actualmente trabállase na posta en marcha dunha aula virtual vinculada ao CEDOVI, na utilización de redes sociais virtuais e en novos proxectos de deseño de materiais multimedia accesibles como o que recentemente se comezou a desenvolver grazas ao apoio da Fundación Universia (Deseño e desenvolvemento de materiais didácticos para contornas inclusivos de formación virtual).
Téntase, deste xeito, crear unha rede de traballo que permita informar e sensibilizar sobre a importancia dos principios de deseño para todos, a creación, mellora e impulso de redes dixitais para profundar na investigación, a análise do tratamento da discapacidade, a vida independente e a integración social e laboral plena deste colectivo, con axuda das TIC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.11.2009.