Pasar al contenido principal

O XXIV Campionato Galaico Duriense inclúe por vez primeira xogos tradicionais

As representacións deportivas das tres universidades galegas e as do norte de Portugal compiten cada ano nos Xogos Galaico Durienses, que nesta vixésimo cuarta edición lle corresponde organizar á USC. O campionato reunirá os días 24 e 26 de novembro en Compostela a 330 participantes nos máis variados deportes, onde se privilexia a convivencia e a práctica de modalidades de carácter mixto.
Por vez primeira este ano inclúense os xogos tradicionais de billarda, chave e bolas celtas, que se sumarán ao baloncesto mixto, balonmán mixto, voleibol mixto, tiro con arco, duatlón (natación e carreira pedestre), tenis de mesa mixto e xadrez.
Todos os detalles desta competición presentaranse este martes 17, ás 11:00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca nunha rolda de prensa na que interveñen a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, e o director da área de Deportes da USC, Mariano García-Verdugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2009.