Uniemprende coorganiza o terceiro Maratón Empresarial Universitario en Lugo
Uniemprende e o Concello de Lugo organizan o III Maratón Empresarial Universitario, que se desenvolverá en Lugo os días 3 e 4 de decembro, e no que os participantes deberán simular, en equipos dun máximo de catro persoas, a creación dunha empresa, tomando decisións estratéxicas e operativas nas diferentes áreas para competir cos demais equipos. O gañador será o grupo que obteña os maiores beneficios.
Este maratón empresarial, que se levará a cabo nas instalacións do CEI-Nodus, diríxese aos mozos e mozas que estean matriculados en calquera universidade galega no actual curso académico. O prazo de inscrición para participar está aberto ata o 30 novembro.
O obxectivo deste certame é familiarizar aos estudantes co complexo mundo económico no que actúa a empresa, poñéndolle de manifesto as consecuencias das súas decisións. Ademais, poténcianse habilidades como o traballo en equipo, o análise da información, o proceso de toma de decisións baixo presión, a creatividade ou a xestión do tempo.