Lugo acolle unha xornada divulgativa sobre a abella co gallo da celebración da Semana da Ciencia
O proxecto ‘Ciencia Abella’ organiza este venres 20, en Lugo, unha xornada divulgativa sobre as abellas coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia.
O programa de actividades, que se desenvolverá no Centro de Convivencia Maruja Mallo (Carril das Hortas, s/n), comezará ás 16:15 horas cunha sesión dirixida a que os nenos e nenas coñezan un pouco mellor o mundo das abellas dun xeito lúdico e divertido. Para iso, os máis novos poderán ver un video-documental, participar nun obradoiro de creatividade no que farán chapas e pins, e mesmo adentrarse na realidade do traballo nun laboratorio.
As actividades para o público xeral comezarán ás 18:00 horas cunha visita guiada á exposición ‘A apicultura, unha ciencia milenaria’ e unha cata de meles con-ciencia.
O proxecto ‘Ciencia Abella’ é un programa de divulgación e comunicación científica e tecnolóxica que se enmarca no Programa de Comunicación e Sensibilización Social (CSS) da Xunta de Galicia, co que colabora o Departamento de Anatomía e Producción Animal da USC.